Entrevista a Luis Eyré en Radio San Borondón (Canarias): "O proxecto de unidade da esquerda é un obxectivo irrenunciábel para Anova"

 

"A fórmula para tirar abaixo o réxime da Segunda Restauración Borbónica é a unidade de acción en torno a obxectivos concretos", afirmou Luis Eyré nunha entrevista realizada pola canaria Radio San Borondón encol da proposta de fronte ampla que Anova realizou para as eleccións europeas.

Nunha situación de descrédito da política - cultivado polo neofascismo, que xa está aí: reforma do código penal, recortes sociais... - cómpre que a cidadanía verifique que é posíbel ir camiñando cara unha ruptura democrática do réxime, impulsada pola propia cidadanía. As europeas son unha oportunidade de ensaio dese escenario, que cómpre artellar cos movementos cívico-políticos e dende as organizacións con credibilidade neste contexto de podremia da arquitectura xurídico-política do Estado Español. Así, "o esencial das europeas é que se vaian configurando polos de unidade para rematar dunha vez co réxime"

Cómpre rachar coa troika, e xa que Europa é a Europa dos Estados, a ruptura debe vir dos estados da periferia oprimida, así como de sectores da esquerda dos estados do centro. "Somos a maioría da poboación", cómpre unha alternativa das cidadás e dos cidadáns e das nacións.
A Anova correspóndelle intentar esa unidade de acción en Galiza. Euskadi e Catalunya están en procesos máis avanzados, e no resto do Estado cómpre que sexan os movementos sociais e as organizacións rupturistas quen impulsen o proceso.

Luis Eyré amosouse prudente ante as dificultades para a unidade ampla de toda a esquerda estatal, pero cun punto optimista na medida en que "a proposta de de Anova aínda non recibiu negativa rotunda de ninguén".

Cun programa de mínimos, é posíbel a unidade. Debemos pular por procesos constituíntes nas nacións que den lugar a un marco xurídico-político radicalmente democrático, onde as organizacións políticas non sexan cautivas do capital financeiro e dos oligopolios, onde se recoñeza o dereito á autodeterminación dos pobos. "O primeiro obxectivo é unha auditoría da débeda pública, para eliminar o pago da débeda ilexítima. O segundo, a derrogación inmediata das reformas laborais realizadas dende inicios dos 90. O terceiro, a activación inicial da demanda interna, co estabelecemento dun salario mínimo e dunha renda básica. O cuarto, o estabelecemento dun poder xudicial e unhas normas xudiciais que ataquen á corrupción estrutural, na que se persiga tamén aos corruptores."

Estamos vivindo unha situación análoga á vivida polos países de de Latinoamérica nos 80 e 90: o primeiro obxectivo é parar eso, parar o feito de que os gobernos son monecos de ventrílocuo da plutocracia. O primeiro é que "hai que paralos".

* Enlace aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario