Colaboración de Paula Verao para a publicación quincenal Encomún sobre o recorte de deputados que o Nuñez Feijoo pretende levar a cabo no Hórreo



A proposta do PP de reforma da Lei Electoral galega é unha cortina de fume que cambia todo para que todo siga (case) igual. A intención é reducir a importancia da Cámara de representación cidadá, minguar a representatividade, favorecer á forza máis votada e dificultar a aparición de forzas políticas novas. Esta medida non se xustifica polo “aforro”: reducindo en asesores do Presidente xa se descontaría a eliminación de escanos.

Modificar as regras de xogo democrático unilateralmente só pode ter como intención intentar gañar con leis o que xa se ten perdido na sociedade. Aínda que a nova reforma electoral non variaría substancialmente os resultados electorais obtidos coa actual, pois seguiría sendo igual de inxusta, si faría algo máis difícil o acceso das forzas políticas emerxentes. Ademais, ao reducir o número total de escanos beneficiará á forza máis votada á hora de atribuír os “restos” de votos a escanos, algo que pode ser decisivo en votacións con resultados axustados.

O sistema electoral vixente e a nova reforma do PP non son proporcional. A lei d’Hondt favorece ás forzas máis votadas, hai un fixo de escanos por provincia, teña a poboación que teña cada unha, e existe unha porcentaxe mínima de votos a acadar por circunscrición para poder obter representación (un 5% dende 1992). É dicir, é un sistema pensado para que as forzas minoritarias ou novas non poidan acceder ao Parlamento e usalo como caixa de resonancia das súas demandas e así non estar nas mesmas condicións que os grandes partidos, algo que se agudizaría coa reforma do PP.

Con esta norma, o PP só pretende desviar a atención dos graves problemas que as súas políticas provocan na cidadanía galega: a privatización da Sanidade, a perda de poder adquisitivo, o deterioro do ensino público... Sabendo que a maioría social está cada día máis agredida polas súas actuacións no goberno e que as enquisas no último ano fixeron caer ao PP en intención de voto, tratan de modificar a situación cunha medida tramposa: porque nin aforra nin aumenta representatividade. Pero, faga o que faga, o PP e os poderes financeiros aos que representa teñen perdida a maioría social e as vindeiras eleccións.

O nacionalismo galego debe defender unha lei electoral galega xusta na que Galiza sexa circunscrición única (ou ben cunha representación dos territorios acorde coa demografía), que cada voto valga igual, que o resultado das votacións reflicta con proporcionalidade pura o votado pola xente e que non sexa preciso acadar un mínimo de votos para obter representación.

Nun momento de creba de confianza nas institucións representativas non é tempo de negociacións sobre o número de escanos: hai que reformar de raíz a estrutura xurídico-política do Estado e que as cidadás e cidadáns protagonicemos un proceso constituínte onde elaboremos as nosas leis en base á democracia participativa. A nosa proposta para o pobo galego – plasmada no programa de AGE – é contribuír a un novo proceso constituínte “que recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá, que inclúa o referendo vinculante das leis ou o seu voto electrónico sen restrición de materia algunha” e unha nova “Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.”.  A alternativa do PP é seguir afogando á maioría social e mantendo unha democracia que xa non é nin formal. A nosa alternativa é máis democracia e poder para a xente.


Paula Vázquez Verao é responsábel de Organización de Anova e Portavoz de Anova Sober.

No hay comentarios:

Publicar un comentario