Asemblea comarcal: 31 de maio


Acordamos na anterior xuntanza comarcal facer unha nova asemblea conxunta para valorar os resultados das eleccións europeas e máis para seguir co traballo político e social.
 
Acordamos que desta vez sexa en Chantada, o vindeiro sábado 31 ás 17 horas no edificio de servizos sociais, no local de reunión de asociacións.

Ademais, cada unha das asembleas da zona terán a súa propia xuntanza de valoración.

Coma sempre, é aberta, animamos á participación. 

Na orde do día:
 
- VALORACIÓN DAS ELECCIÓNS EUROPEAS

- PLANIFICACIÓN DE ACTIVIDADES PENDENTES
 
- REDACCIÓN DEFINITIVA DO FOLLETO INFORMATIVO

Solidariedade cos bombeiros despedidos por Natutecnia


Alberto e Moisés readmisión! Solidariedade cos bombeiros despedidos por Natutecnia ‪#‎anovachantada‬
Os bombeiros en loita por un convenio digno pediron aos grupos municipais de Chantada amosar a solidariedade cos compañeiros despedidos a través dunha imaxe. Esta é a do grupo municipal nacionalista de Chantada.

* Info sobre a situación dos bombeiros aquí.

Resultados das EUROPEAS '14 nas comarcas de Lemos e Chantada: abstención, fragmentación da esquerda rupturista e Lidia Senra eurodeputada


Os resultados das eleccións europeas nas comarcas de Lemos e Chantada foron coincidentes co resultado xeral: unha alta abstención e unha dispersión do voto rupturista fundamentalmente entre tres candidaturas - con resultados variables segundo os concellos -, cun 6,8% de media de votos a AGE-E.
A coalición na que ía integrada Anova acadou 6 escanos no Parlamento Europeo, co cal, a labrega Lidia Senra, natural da Pobra do Brollón, será eurodeputada.
Nestas comarcas sigue sendo hexemónico o PP, pero cunha perda importante de votos.
Grazas á militancia e simpatizantes poidemos garantir presenza de persoas apoderadas, que colaboraron na resolución de incidencias; a máis grave o roubo de papeletas de AGE-E na mesa de Santa Mariña en Monforte, resolta enseguida e sen problemas parando a votación ata que se restituíron as papeletas da candidatura.
Así mesmo, conseguimos ter os resultados das mesas en tempo real.
Moitas grazas a todas as persoas que votastes ruptura co réxime. 

* RESULTADOS POR CONCELLOS (aquí: na páxina do MIR).
 
* VOTO A AGE-E NAS COMARCAS DE LEMOS E CHANTADA

* VOTO RUPTURISTA NAS COMARCAS DE LEMOS E CHANTADA (só se contabiliza AGE-E, BNG, PODEMOS e PRIMAVERA EUROPEA, pero hai algúns votos máis para outras formacións situadas no mesmo espazo).



Contra a supresión de axudas para o alumnado de FP que realiza Formación en Centros de Traballo


O DOG do 19 de maio publicou a orde de axudas para o 2014 do alumnado de FP que realiza a Formación en Centros de Traballo (FCT).
O des-goberno da Xunta non só reduce a cuantía global das axudas nun 16%(de 720.000 € en 2013 a 606.982,83 €) senón que suprime axudas ao alumnado respecto das do curso pasado. 
As axudas xa eran insignificantes e agora mesmo se lles quitan a determinado alumnado.
Mentres que no 2014 o alumnado que realizaba a FCT no mesmo concello do seu domicilio ou do centro educativo cobraba 75 € de axuda, agora, non percibe nada.

Se unha persoa cursa estudos nun centro de FP dun concello e raliza a FCT nun centro de traballo nese mesmo concello, non recibiría axuda ningunha, aínda residindo noutro concello e tendo que desprazarse. 

Mocións contra a lei estatal de telecomunicacións, que favorece ás grandes operadoras



Anova presenta en Sober e Chantada mocións para instar a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 9/2014 de telecomunicacións por invasión e baleirado e desapoderamento de competencias municipais.
O control público sobre as telecomunicacións é unha garantía democrática do dereito á información.
Coa nova lei estatal de telecomunicacións prímase o interese privado das grandes operadoras de telecomunicacións fronte ao interese común do control democrático das telecomunicacións e a costa da protección do medio ambiente, dos espazos históricos e da saúde das persoas.
Os concellos, administración máis próxima á cidadanía, perderán competencias nesta materia en beneficio dunha recentralización do Estado.

A moción, co argumentario completo é a seguinte:

MOCIÓN que presenta ::::::::::::::::::::::::::::::, ante o Concello-Pleno de :::::::::::::: sobre a LEI 9/2014 DE TELECOMUNICACIÓNS

O pasado 10 de maio publicouse no BOE a Lei 9/2014, de Telecomunicacións, con entrada en vigor o 12 de maio de 2014.

Esta nova lei estatal supón unha recentralización competencial en materia de telecomunicacións, moi superior á extinta Lei 32/2003, e baleira completamente de contido as xa cativas competencias da Xunta que lle atribuía a recentemente aprobada lei autonómica Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galiza, que queda así baleira de contido.

Esta nova lei estatal abonda na liberalización das telecomunicacións - a maior gloria e beneficio das operadoras privadas - grazas á supresión ou limitación de controis administrativos e de protección ambiental ou urbanística para a súa autorización, posta en servizo ou modificación, mesmo con carácter retroactivo.
A lei abre a porta á colocación de infraestruturas de telecomunicación onde e cando queiran as operadoras, tamén en espazos naturais protexidos ou en zonas históricas. As xa cativas competencias municipais e autonómicas en relación cos plans de despregamento e implantación das telecomunicacións quedan reducidas ao mínimo, sendo o goberno do Estado quen asume dita función de control.

Ante esta recentralización do Estado en materia de telecomunicación, as forzas políticas defensoras do municipalismo debemos reclamar a presentación inmediata de recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal, para garantir o mellor control democrático do despregamento das infraestructuras de telecomunicacións.

No que afecta ás competencias municipais, destacamos o seguinte:

- A nova lei extende xeneralizadamente a execión de control preventivo municipal (licenza de actividade ou de funcionamento), incluíndo novos supostos.
Na Lei 12/2012 xa se suprimía o trámite de licenza municipal previa, pero exceptuando de dita exención os casos que ocupasen unha superficie superior a 300 m2 ou, tratándose de instalacións de nova construcción, aqueles que tiveran impacto en espazos naturais protexidos, no patrimonio histórico-artístico o no uso privativo e ocupación dos bens de dominio público. Coa nova lei, substitúense as licenzas municipais por declaracións responsábeis nos supostos de ter a operadora de telecomunicacións aprobado plan de despregamento, suprimindo as licenzas previas aínda que as actuacións afecten a Rede Natura ou ao patrimonio histórico e aínda que as actuacións ocupen máis de 300 m2. Ademais, as actualizacións tecnolóxicas nas instalacións en servizo (que non afecten aos mástiles) non requerirán autorización de ningún tipo. E ditos cambios teñen eficaza retroactiva, na medida en que as solicitudes en trámite poderán ser substituídas xa por declaracións responsables.

- Limítase extraordinariamente a potestade de instalación e explotación de redes polas administracións públicas, xa que, ademáis de que é o Estado quen mediante Real Decreto fixará as condicións, a propia lei (art. 9) precisa que dita explotación se subordina ao “ principio de inversor privado” e sempre e cando nos distorsionen a competencia e non exista interés de concurrencia no sector privado. A subordinación do público (interese público xeral) ao privado deixa en papel mollado o art. 128 da Constitución.

- Se os concellos quixeran solicitar información ás operadoras deberán solicitalo previamente ao Estado (art. 10.2); forma de información que, por riba, será fixada por Real Decreto do estado (art. 34.4).

- O art. 34 da nova lei estatal limita a potestade dos instrumentos de planificación (plans ou ordenanzas), en tanto en canto non poderán establecer restricións absolutas ou desproporcionadas ao dereito de ocupación do dominio público e privado dos operadores nin impoñer solución tecnolóxicas concretas, itinerarios ou ubicacións concretas nos que instalar infraestructuras de rede de comunicacións electrónicas”, disposición que excede do que ben fixando a Xurisprudencia ao respecto das competencias locais en materia do réxime de distancias das infraestruturas (por exemplo, antenas de telefonía) a zonas sensibles (colexios, hospitais, zonas verdes, centros históricos, etc), así como en relación coa potestade de fixación polas CC.AA de normas sobre os requisitos mínimos das instalación en relación coa competencia plena en materia de urbanismo e ordenación territorial. Así, os municipios vén limitada a súa capacidade de ordenación de distancias das infraestructuras de telecomunicación en relación a espazos sensibles (naturais, históricas, sociais).
Do mesmo xeito, o principio de sustentabilidade ambiental (e da correlativa obriga de empregar a máis eficiente tecnoloxía disponible) e a determinación pola Xunta das normas para que os proxectos das instalacións “minimicen o seu impacto sobre o contorno, a paisaxe, o ambiente e o patrimonio cultural” quedan borrados pola lei estatal.

- A obrigatoriedade de uso compartido das instalacións polas administracións e operadoras pasa a ser asumido polo goberno do Estado, tanto respecto ás condicións como á propia decisión de obrigatoriedade.
Así, no art. 32 da lei estatal, é o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo o que aproba por Real Decreto, previo trámite de audiencia aos operadores, con carácter xeral ou para casos concretos, a utilización compartida do dominio público ou a propiedade privada na que se van establecer as redes públicas de comunicacións electrónicas o uso compartido das infraestructuras e recursos asociados.
É tamén o Ministerio o que resolverá sobre a petición dunha Administración Pública (coma un Concello) sobre tal uso compartido.

- O art. 35.5 da nova lei estatal obriga a que previamente a medidas de paralización cautelar ou de denegación de instalación, por exemplo, dos concellos respecto de obras de infraestrutura de telecomunicacións, teña que recabarse un informe preceptivo previo – e vinculante - do Ministerio; medida que vulnera a autonomía local.

O control público sobre as telecomunicacións é unha garantía democrática do dereito á información.
Coa nova lei estatal de telecomunicacións prímase o interese privado das grandes operadoras de telecomunicacións fronte ao interese común do control democrático das telecomunicacións e a costa da protección do medio ambiente, dos espazos históricos e da saúde das persoas.
Os concellos, administración máis próxima á cidadanía, perderán competencias nesta materia en beneficio dunha recentralización do Estado.

Polo exposto, proponse a adopción por parte do PLENO dos seguintes ACORDOS:

- A Corporación Municipal de ::::::::::: insta ao Goberno da Xunta de Galiza a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Telecomunicacións pola invasión, baleirado e desapoderamento de competencias autonómicas propias.
- A Corporación Municipal de :::::::::: acorda propoñer dentro da FEGAMP a presentación polo número de concellos requeridos dun conflito en defensa da autonomía local ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Telecomunicacións pola invasión, baleirado e desapoderamento de competencias municipais.

O Parlamento aproba por unanimidade unha proposición de AGE na que se insta a rexeneración do río Quiroga e os seus afluentes

 
O Parlamento aproba por unanimidade unha proposición de AGE (Anova-EU-Equo-Espazo Ecosocialista) na que se insta á rexeneración hidrolóxica e forestal do río Quiroga e os seus afluentes.
Esta iniciativa insta á Xunta de Galicia a obrigar a todas as empresas mineiras a cumprir coa legalidade vixente e restaurar as zonas afectadas polas súa actividade.

Consuelo Martínez, explicou en comisión parlamentar que a restauración hidrolóxico-forestal que se ten emprendido co fin de ano no río Quiroga non pasa de ser un lavado de cara. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, inaugurou os traballos de cinco operarios que, durante un mes, con medios manuais, farán podas, desbroces selectivos e limparán a canle nun tramo de tres quilómetros de “árbores mortos, pólas secas e especies invasoras. O organismo que depende do Ministerio de Medio Ambiente investirá máis de 20.000 euros neste proxecto aproveitando que varias das empresas mineiras que botaban lousa ao canle do río Quiroga e do seu afluente, o Pacios, abandonaron os cráteres que abriron nesta paisaxe única. 

A deputada de AGE lembrou que Cupiga, Pebosa e Ferlosa pecharon hai cinco anos e o impacto ambiental que prevía a restauración das entulleiras naceu morto para os municipios de O Courel e Quiroga. "O acordo asinado entre a patronal da lousa e a Xunta non se ten cumprido" denunciou Consuelo Martínez. As infinitas montañas de escombro botado ladeira abaixo durante tres décadas seguen enturbando ríos e regatos. Mentres tanto, as louseiras que permanecen activas continúan xerando residuos a un ritmo delirante, xa que só é comercializable o 4% da lousa que se arranca da montaña. Así, "por cada tella que se ve, hai 94 máis tiradas", segundo o xeólogo Vidal Romaní, quen tamén calcula que coa lousa desbotada dende os anos setenta nesta comarca e en Valdeorras poderíase levantar, "e sobraría material", unha muralla como a china ao redor de toda Galiza. 

O desastre ambiental que afecta á canle do Quiroga concéntrase en Pacios e en Vilarbacú. Aos pes da canteira que segue funcionando na segunda destas poboacións o burato ten formado un lago que verte no río Quiroga e cuxa cor verde intensa delata o grao de contaminación da auga; dependendo da meteoroloxía, o lago de Vilarbacú tingue máis ou menos o río. 

"Dende 1982, é obrigatorio presentar un proxecto de restauración para abrir unha canteira, pero a Xunta nunca vixiou nin esixiu ás empresas que se fixesen cargo dos estragos provocados ao esquilmar a montaña" alertou Conseulo Martínez. 


foto: Vilarbacú aquí
Acordouse que o Ministerio de Medio Ambiente aportase o diñeiro procedente da UE (e que cubriría o 70% do custe da rexeneración), ao tempo que a Xunta asumía o 10% e as empresas responsables da esquilma debían pagar o 20%. O prazo de execución das obras de recuperación dos ríos e consolidación e recuperación da vexetación das ladeiras para salvar os ecosistemas degradados era de cinco anos a partir de 2002. Pero en 2009, a secretaría de Estado de Medio Rural anunciaba que a "restauración hidrolóxico-forestal" da conca do Quiroga, presupostada en 4,7 millóns de euros, fora "anulada". O Goberno central aseguraba, non obstante, que o plan de restauración das marxes do río Luruda, na súa penosa travesía, sepultado pola monumental entulleira de A Campa, seguía adiante pero "nunca máis se soubo" nada. Ante esta situación, a deputada Consuelo Martínez presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a obrigar a todas as empresas mineiras a cumprir coa legalidade vixente e restaurar as zonas afectadas polas extraccións de mineral

O texto aprobado o 15 de maio por unanimidade inclúe a demanda da Configuración Hidrográfica do Miño Sil a reforzar os traballos de limpeza e proceder á rexeneración do río Quiroga e os seus afluentes, así como a desenvolver o seguimento e control do cumprimento das obrigas ambientais por parte das empresas mineiras para minimizar o seu impacto sobre o territorio e , no caso de incumprimentos da lexislación, adoitar medidas para a esixencia de responsabilidade tanto na vía administrativa como na xurisdicional.

Peche histórico de camas no verán: continúa o desmantelamento da Sanidade pública galega

Este verán, o peche de camas anunciado pola Xunta ten dimensións históricas (1.095 camas pecharán no verán) e só pode entenderse no proceso de desmantelamento da Sanidade pública galega.
A Xunta gastará en derivar pacientes a hospitais privados en lugar de ter a capacidade da pública en funcionamento; e veremos de novo acumulacións de pacientes nos pasillos, colapsos sanitarios que inciden negativamente na calidade asistencial. Por outra parte, o sistema de peche de camas no verán fomenta o paro e precariedade laboral do persoal sanitario.  

O ataque directo á sanidade pública por parte do Partido Popular galego consegue un récord histórico de peche de 1.095 camas o vindeiro verán. Así ano tras ano, os galegos e galegas vimos padecendo o aumento progresivo do número de camas pechadas desde a chegada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pasando das 588 no ano 2010, 670 no 2011, 787 no 2012, 900 no 2013, é as 1.095 anunciadas para este ano.

O récord histórico de peches para non contratar novo persoal para cubrir as vacacións favorece o paro entre os sanitarios e as sanitarias eventuais que fará ainda máis difícil a súa situación que acabada neste momento unha elevadísima precariedade e aos que cada vez se lle dan menos posibilidades de traballar. Este brutal ataque supón un paso máis na desmantelación programada do Partido Popular dos sitema sanitario público. 

Debate Sexta Feira (24-1-2014): a Ribeira Sacra en Fitur, acordos da PAC e suba da cotización a autónom*s


* As intervencións aquí.

Intervén por Anova Paula Vázquez Verao, que sinala que non chega coa publicidade para fomentar a Ribeira Sacra como destino turístico, "precísase fomentar aínda máis a gran calidade do turismo na zona": hai que mellorar aínda máis a sinalización turística, as guías, o uso de novas tecnoloxías... Ademais, as administracións teñen que facer un plan de recuperación e conservación do Patrimonio e do Medio Ambiente da comarca. 

Sobre o reparto de axudas da PAC, Anova sinala que Galiza sigue perdendo co reparto das axudas (menos dun 4% dos fondos que ten o Estado, cando o noso é un país agrario). "Que sinte unha labrega cando sabe que as grandes fortunas son as que acaparan as maiores subvencións, pois estas se vinculan á superficie agraria?" Estamos nun modelo de agricultura que prima as grandes empresas, que non necesariamente teñen a maioría da súa actividade orientada á agricultura. Nós estamos por outro modelo agrario, de circuitos pequenos, de soberanía alimentaria: maior calidade e fixación de poboación no rural.

Sobre a suba de cotización a autónom*s, consideramos que isto só vai supor máis paro e empobrecemento, alimentando o círculo vicioso da crise. "Que sinte un atónomo cando sabe que as grandes fortunas seguen a defraudar? Esísexe todo ás persoas máis humildes".

Non á reforma da lei orgánica do poder xudicial: na defensa dunha xustiza próxima á cidadanía!


O colectivo de avogados/as de Lemos citou a todas as forzas políticas da comarca a unha xuntanza o pasado 30 de abril para explicar as consecuencias da aplicación do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, que conlevaría a supresión dos partidos xudiciais, coma o de Monforte.
Momento da xuntanza de avogad*s coas forzas políticas da comarca.
A xustiza é un dereito constitucional que debe garantir dúas premisas: servizo público e accesibilidade á cidadanía. Hoxe, a accesibilidade á xustiza vese condicionada por motivos económicos, por culpa das taxas xudiciais. De levarse a cabo o proxecto de lei, suprimiríanse partidos xudiciais, o que conlevaría desprazamentos e custes para a xente. Porque a lei non é clara sobre as instalacións e servizos que quedarían nos partidos xudiciais: non obrigaría a ter tribunais de instancia en cada partido xudicial. Na práctica: a actividade xudicial da provincia concentraríase en Lugo.

Segundo o Anteproxecto de Lei, crearíanse os Xulgados Provinciais de Instancia, centralizando nas capitais provinciais a actividade xudicial, algo totalmente en contra da potenciación do interior rural, ao privar a este dun servizo básico coma a xustiza. O que sería preciso para potenciar o rural sería a dotación de máis medios técnicos e humanos aos partidos xudiciais. A concentración xudicial nas capitais suporía máis traslados (máis custes para a cidadanía) e menos emprego nas comarcas rurais.

Coa aplicación da lei nin sequera se aforraría, pois carece de estudo económico: non preveu o que suporía trasladar a actividade xudicial dos partidos da provincia a Lugo, o que implicaría construción de novos edificios.

Este Anteproxecto non foi consensuado coas partes afectadas na administración de xustiza; o Colexo da Avogacía de Lugo oponse a el. O Consello Galego da Avogacía impulsa un manifesto a prol da continuidade dos partidos xudiciais galegos. En cambio, o goberno da Xunta só fixo mención á continuidade dos partidos xudiciais de Santiago, Vigo e Ferrol.

Na xuntanza houbo un compromiso por parte das forzas políticas de informar á cidadanía da comarca sobre o Anteproxecto de Lei e o que suporía.

O vindeiro luns, 12 de maio, haberá unha xuntanza informativa en Monforte, que apoiamos.

Este luns: concentración dos bombeiros dos parques privatizados

O luns 5 de maio de 2014, os bombeiros de Chantada, Sarria e Monforte, aos que se sumarán os de Cee, Santa Comba e As Pontes (da mesma empresa Natutecnia) e tamén en xeral calquera bombeiro de Galiza, concéntranse diante do parque de bombeiros de Chantada a partires das 10 da mañá
A partir das 12 baixarán á feira a repartir folletos explicativos do conflito e da situación do servizo de bombeiros en Galiza. 
A partires das 13 horas ou 13:30 concentraranse novamente na plaza do Cantón de Chantada, onde convidan a vir a todas as persoas que queiran amosar o seu apoio.
* Máis info sobre a situación laboral dos bombeiros nos parques de Natutecnia aquí.



Asemblea aberta: 7 de maio

No debate sobre a prostitución.
As persoas coordinadoras das asembleas de Lemos e Sober propoñemos a seguinte convocatoria de ASEMBLEA para este mércores día 7, ás 20 h, en Monforte. Se queredes asistir, contactade connosco en FB ou asembleadelemos@gmail.com
Ademais, convidamos á asemblea de Chantada a asistir a esta asemblea.

A orde do día que propoñemos é:
- ELECCIÓNS EUROPEAS
- PREVISIÓN DE ACTOS
- PUBLICACIÓNS
- VARIOS