A proposta do PP de reforma da Lei Electoral galega é unha
cortina de fume que cambia todo para que todo siga (case) igual. A intención é
reducir a importancia da Cámara de representación cidadá, minguar a
representatividade, favorecer á forza máis votada e dificultar a aparición de
forzas políticas novas. Esta medida non se xustifica polo “aforro”: reducindo
en asesores do Presidente xa se descontaría a eliminación de escanos.
Modificar as regras de xogo democrático unilateralmente só
pode ter como intención intentar gañar con leis o que xa se ten perdido na
sociedade. Aínda que a nova reforma electoral non variaría substancialmente os
resultados electorais obtidos coa actual, pois seguiría sendo igual de inxusta,
si faría algo máis difícil o acceso das forzas políticas emerxentes. Ademais,
ao reducir o número total de escanos beneficiará á forza máis votada á hora de
atribuír os “restos” de votos a escanos, algo que pode ser decisivo en
votacións con resultados axustados.
O sistema electoral vixente e a nova reforma do PP non son
proporcional. A lei d’Hondt favorece ás forzas máis votadas, hai un fixo de
escanos por provincia, teña a poboación que teña cada unha, e existe unha
porcentaxe mínima de votos a acadar por circunscrición para poder obter
representación (un 5% dende 1992). É dicir, é un sistema pensado para que as
forzas minoritarias ou novas non poidan acceder ao Parlamento e usalo como
caixa de resonancia das súas demandas e así non estar nas mesmas condicións que
os grandes partidos, algo que se agudizaría coa reforma do PP.
Con esta norma, o PP só pretende desviar a atención dos
graves problemas que as súas políticas provocan na cidadanía galega: a privatización
da Sanidade, a perda de poder adquisitivo, o deterioro do ensino público...
Sabendo que a maioría social está cada día máis agredida polas súas actuacións
no goberno e que as enquisas no último ano fixeron caer ao PP en intención de
voto, tratan de modificar a situación cunha medida tramposa: porque nin aforra
nin aumenta representatividade. Pero, faga o que faga, o PP e os poderes
financeiros aos que representa teñen perdida a maioría social e as vindeiras
eleccións.
O nacionalismo galego debe defender unha lei electoral
galega xusta na que Galiza sexa circunscrición única (ou ben cunha
representación dos territorios acorde coa demografía), que cada voto valga
igual, que o resultado das votacións reflicta con proporcionalidade pura o
votado pola xente e que non sexa preciso acadar un mínimo de votos para obter
representación.
Nun momento de creba de confianza nas institucións
representativas non é tempo de negociacións sobre o número de escanos: hai que
reformar de raíz a estrutura xurídico-política do Estado e que as cidadás e
cidadáns protagonicemos un proceso constituínte onde elaboremos as nosas leis
en base á democracia participativa. A nosa proposta para o pobo galego –
plasmada no programa de AGE – é contribuír a un novo proceso constituínte “que
recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá, que
inclúa o referendo vinculante das leis ou o seu voto electrónico sen restrición
de materia algunha” e unha nova “Lei Electoral xusta, que respecte os
principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.”. A alternativa do PP é seguir afogando á
maioría social e mantendo unha democracia que xa non é nin formal. A nosa
alternativa é máis democracia e poder para a xente.
Paula Vázquez Verao é responsábel de Organización de Anova e Portavoz de Anova Sober.