Xornada feminista en Monforte (Iª parte): 27 de abril


O 27 de abril imos acoller en Monforte ao grupo de Acción Feminista de Anova. 
Será a primeira parte das xornadas feministas que queremos impulsar en Monforte e que culminarán no verán.
Desta volta, debatemos sobre a prostitución; no verán, sobre recortes na Sanidade e políticas de Igualdade.

A xornada do 27 de abril será o Centro do Viño e desenvolverase así:

* 11 h - Inicio da xornada. Presentación do guión de debate sobre a temática da prostitución e cortos-fragmentos de películas para crear debate. No Centro do Viño.
GUIÓN DE DEBATE - aquí

* 11:30 h a 14 - Debate sobre a prostitución e conclusións.

* XANTAR [É preciso anotarse antes do mércores 23 de abril en asembleadelemos@gmail.com] Prezo económico, que variará en función do número de persoas asistentes. Trataremos que o prezo total da xornada (xantar + visita á torre + contribución para pago do local) non exceda dos 13-14 €.

* Tarde:

- Breve introdución á historia da prostitución e bibliografía para afondar nela.
- Debate de temas do grupo de Acción Feminista de Anova, aberto á participación.

* 17:30 h - Visita á torre da homenaxe de Monforte. A entrada custa 1,55 € por persoa, pero hai descontos para grupos, polo que hai que anotarse para esta visita antes do 23 de abril en asembleadelemos@gmail.com

A xordada complétase no verán, tamén en Monforte, cun roteiro pola cidade en clave de xénero, descubrindo a nosa historia dende o punto de vista das mulleres.

View Larger Map

Apoiamos as reivindicacións dos bombeiros que prestan servizo en xestión indirecta e pedimos a creación dun servizo público de emerxencias

Foto: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2014/04/11/pleno-municipal-bomberos-uniformados/0003_201404M11C5991.htm
Dende o Parlamento, a través de AGE, e dende os concellos, apoiamos a necesaria creación dun servizo de emerxencias público, coordinado pola Xunta de Galiza, e solidarizámonos coas xustas reivindicacións dos bombeiros que prestan servizo nos diferentes Consorcios Contra Incendios e Salvamento, baixo a modalidade de xestión indirecta: salario e condicións laborais dignas.

En Chantada, aprobouse unha moción a prol destas reivindicacións cos votos a favor de todos os grupos (INTA - Grupo Nacionalista - PSOE) e a abstención do PP, que reproducimos aquí.

En maio de 2007 entraba en vigor a Lei 5/2007 de emerxencias de Galicia. Pretendíase con esta lei atender as emerxencias de diverso tipo e gravidade que viñan acontecendo no noso país dende hai varias décadas como naufraxios, embarrancamentos nas nosas costas, inundacións, movementos sísmicos, incendios forestais constantes, etc.
A estas emerxencias temos que engadir o conxunto de riscos cotiáns que afectan á vida de persoas, animais, ao ambiente, así como aos bens da cidadanía galega. Ámbalas dúas modalidades de riscos e emerxencias requerían o establecemento dun marco legal propio que articulara un sistema integrado para a súa xestión.

Entendemos que os Servizos de Emerxencias, particularmente os Bombeiros, teñen que ser xestionados de forma directa e teñen que abranguer todo o territorio galego. 

Mais a situación en Galicia é ben diferente: salvo nas grandes cidades os Bombeiros dependen de empresas privadas, sen garantir de xeito efectivo que o conxunto da cidadanía galega dispoña dun servizo de calidade, senón máis ben en precario.

Na provincia de Lugo, este servizo ven sendo prestado polas empresas VEICAR
S.L. e a UTE HASA-NATUTECNIA. A empresa VEICAR xestiona os parques situados na zona norte (Vilalba, Barreiros e Viveiro) e NATUTECNIA os da zona sur (Chantada, Sarria e Monforte). Mentres a empresa VEICAR foi capaz de chegar a un acordo cos traballadores e plasmalo nun convenio laboral, NATUTECNIA, non só non é capaz de chegar a un acordo, senón que aprovéitase da reforma laboral para recortar de xeito moi significativo os dereitos laborais dos traballadores que forman parte do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo, afectando entre outros aos bombeiros que atenden as comarcas de Chantada, Lemos e Sarria.

Dito servizo estase a prestar en mínimos, tal e como constata o feito de que o número mínimo de efectivos de garda estando de folga é o mesmo que o  do servizo ordinario. Hai que dicir que os traballadores destes parques están en folga dende Setembro de 2013. Coa aplicación do Réxime dos Traballadores existente ata o de agora, e por mor da interpretación que fai a empresa xestora da reforma laboral, os Bombeiros están a sufrir a redución da súa capacidade económica. Ademais, no caso de baixa laboral, estes están a percibir un 40% menos do seu salario no primeiro mes, e un 25% menos no resto, cando a empresa percibe o 100% da administración

Lembremos que estamos falando dunha profesión de alto risco, onde os accidentes laborais son habituais e poden ser moi graves. Este risco vese acentuado gravemente por mor de traballar en quendas de 3 persoas, cando o aconsellable nesta profesión é non traballar nunca con equipos de menos de 5 persoas, segundo se expón na normativa europea. Traballando en quendas de 3 bombeiros, non se acadan estas recomendacións de seguridade tanto para o persoal intervinte, neste caso os bombeiros, como para a xente afectada nunha intervención, é dicir, a cidadanía.

Así mesmo, a problemática deste sector está a vivir unha grande deixadez social, polo que as empresas están a presionar ós traballadores hasta o ponto de ter que pagarse a súa formación, e nalgún caso repoñer material danado, amais das presións continuas que sofren, ó ser eles os que levan todo o peso das intervencións sen ter un marco legal que regule a súa profesión.

Polo tanto, en canto a prestación do servizo, só cabe dicir que evidentemente é un servicio mermado, que sae adiante polo traballo destes profesionais, sen que o modelo de xestión axude no mais mínimo a melloralo, mais ben todo o contrario, estase a utilizar este servicio básico para toda a cidadanía coma unha ferramenta económica.

Nin que dicir ten que o actual status laboral dos bombeiros que forman parte desta xestión indirecta non permite que as condicións contempladas en materia de xubilación se equiparen ás dos seus compañeiros dependentes da administración. Non esquezamos que polas peculiaridades da profesión a súa idade de xubilación debe ser máis prematura que a de outros colectivos.

Por todo isto sométese á consideración do Pleno de Chantada a seguinte proposta de ACORDOS:

1. A Corporación Municipal de Chantada, solidarízase cos Bombeiros que prestan Servizo nos diferentes Consorcios Contra Incendios e Salvamento, baixo a modalidade de xestión indirecta.

2. A Corporación Municipal de Chantada, insta á Xunta de Galicia a crear un servizo de emerxencias público, coordinado pola propia Xunta, e que abranga a totalidade do territorio galego.

Cinco mortes por infarto en traslados dende o HULA a outras provincias: precisamos os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e medicina nuclear a tempo completo!


Manifestación a prol dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e medicina nuclear no HULA.
As cifras oficiais de mortes por infarto nos traslados desde o HULA a outras provincias confirman que os recortes xa están matando, con cinco casos de morte por traslado. 
Os datos aportados polo director de Asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Félix Rubial, en comisión parlamentar confirman que os recortes do Partido Popular matan. Así, cinco persoas morreron nos últimos anos durante o traslado en ambulancia desde Lugo a outras provincias por infarto ao non poder ser atendidos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) por non dispoñer da correspondente unidade de hemodinámica. Estas cinco mortes, totalmente  inadmisibles para o grupo parlamentar de AGE semellan non ser demasiadas para o goberno galego chegando a dicir o propio director de Asistencia Sanitaria que eran “unhas cifras baixas”, unha valoración cruel e intolerable cando do que estamos a falar é da morte de persoas. 
O número total de urxencias trasladadas por casos de infarto desde Lugo a outras provincias en tres anos superou os 3.600 doentes e máis de 2.000 traslados por tratamentos de radioterapia en ambulancia aos que habería que sumar os que o fan nun vehículo particular cargando cos importantes custes do desprazamento. Estas cifras avalan de xeito contundente as reclamacións dos veciños e veciñas de Lugo para que se dote de xeito urxente ao HULA dos servizos de Radioterapia,  Hemodinámica e medicina nuclear a tempo completo cos que se remataría cos traslados e o risco de morte de doentes. A unidade de Hemodinámica aberta no hospital lucense non rematou cos traslados xa que funciona unicamente en horario de 8 a 15 horas co que todos os doentes que sufran un infarto a partir desa hora terían que ser igualmente trasladados a outras provincias.
A mortalidade por infarto na área de Lugo dobraba a de Coruña, Compostela e Vigo e segundo os datos do propio Hospital de Coruña o tempo en que unha persoa infartada é atendida é o dobre para alguén de Lugo que para alguén de Coruña: 178 minutos. 
O calvario ao que a Xunta de Galicia está a someter aos doentes de cancro que precisan tratamentos de radioterapia supón un agravio comparativo para o resto das provincias tanto a nivel de servizo como polo custe do transporte e as molestias que se lles fai pasar que demostra unha insensibilidade por parte do goberno galego imposible de tolerar para alguén cun mínimo de humanidade. 

O PP rexeita as medidas para conservación, estudo e divulgación da Ribeira Sacra presentadas por AGE


Onte, 4 de abril de 2014, na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Galego o PP rexeitou o plan de medidas de conservación, estudo e divulgación do patrimonio cultural da Ribeira Sacra que presentou Alternativa Galega de Esquerda.

Amósase así que o PP só ten interese propagandístico pola candidatura da Ribeira Sacra á Patrimonio da Humanidade, pois non ten intención de implementar políticas que consigan mellorar o estado do patrimonio, contribuír ao seu coñecemento nin dinamizar a economía da zona.

A proposición non de lei de AGE con medidas para a Ribeira Sacra pódese ver aquí (na páxina 19. 
E aquí a nota de apoio de Anova da zona sur de Lugo.

Anova Lemos aposta pola municipalización do servizo de abastecemento de augas



A auga é un ben universal e necesario para a vida que non debe estar en mans de ningunha empresa privada que faga negocio a costa dun recurso do que ningunha persoa pode prescindir.

Atopámonos claramente no momento idóneo para recuperar a municipalización do servizo; non podemos tolerar as chulerías por parte da empresa que leva a xestión, cando os técnicos do Concello foron claros no seu informe sobre o custo do servizo: como pode asegurar Aqualia que costa sete veces máis?
Esto significaría unha carga económica para a cidadanía que xa soporta de abondo, algo que dende Anova non imos consentir.

Os donos dos Concellos son os cidadáns e cidadás, non as empresas, nin a banca. Non se pode consentir que unha empresa marque o paso a veciñas e veciños de Monforte, porque os abusos das grandes empresas recaen sempre na cidadanía.

En conseciencia, pedímoslle ao goberno municipal que tome conciencia e opte pola municipalización pois, ao noso modo de ver, a mellor solución sería que a cidadanía xestione os seus propios recursos.

Anova

Monforte de Lemos, 2 de abril de 2014.