Parabéns á comunidade educativa do Daviña Rey

Dende Anova felicitamos á comunidade educativa do IES Daviña Rey por conseguir parar os recortes no seu centro, mantendo ESO e o Bach no curso que vén. 

A rápida, calada e eficaz labor da ANPA e a mobilización do alumnado - do que debemos aprender - conseguiron facer retroceder á Xunta. 

Dende Anova estamos satisfeitos porque o interese común deixara fóra os personalismos dos que se fai gala en demasiadas ocasións na política actual.

Anova apoia as mobilizacións contra o peche de ESO e Bach no IES Daviña Rey


Anova apoia a mobilización do alumnado e dos seus pais e nais en contra a retirada da ESO e do Bacharelato do IES Daviña Rey.

O Centro de Ensinanza Secundaria Daviña Rey é un centro público, cunha posición céntrica e que está a realizar unha boa labor pedagóxica. Se a cuestión fose o aforro, a Consellería de Educación debería priorizar os servizos nos centros públicos antes que os concertos de ensino secundario.

A posible decisión de suprimir de golpe, xa para o vindeiro curso, a ESO e o Bacharelato no IES Daviña Rey enmárcase nunha política de desmantelamento do Ensino Público por parte do goberno do PP que, en cambio, mantén os concertos coa privada.


ANOVA – MONFORTE DE LEMOS

Anova felicita á sociedade pola manifestación a prol da área sanitaria


Anova felicita á sociedade das comarcas da zona sur de Lugo pola lección de dignidade amosada na masiva manifestación en defensa da área sanitaria de Monforte.

Rexeitamos os intentos do PP de deslexitimar a mobilización, pois os dereitos só se conseguiron con loita e presión por parte da maioría social. A mobilización do sábado non foi inútil, e o PP de Galiza e do sur de Lugo saben que teñen diante á maioría da sociedade en contra dos plans de xerencia sanitaria integrada en Lugo. Neste sentido, as declaracións a Radio Principal Ser Monforte por parte da voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez, parécennos indignantes, pois califica de “algarada” a mobilización e amosa un descoñecemento da realidade galega, ao dicir que no resto de Galiza non hai mobilizacións en contra da xestión provincial, cando na propia zona da Mariña o xerente - cargo do PPdG - dimitiu en contra deste decreto de xestión provincial e está habendo unha intensa mobilización, así como manifestacións contra a privatización e perda de servizos sanitarios por toda Galiza. Ademais, Julia Rodríguez acusa de manipulación ás persoas e colectivos promotores da mobilización, o que nos parece intolerábel.

A cidadanía non se mobiliza enganada, sabe perfectamente que o modelo sanitario do PP, o dos recortes e a privatización, ensaiado en Valencia e Madrid e iniciado en Galiza: perda da calidade asistencial. No caso da xestión sanitaria provincial, a cidadanía de Monforte e comarcas sabe que este modelo resultou lesivo no hospital do Barco – similar en características ao de Monforte – cando se aplicou na provincia de Ourense o modelo de xestión provincial, tal e como se nos explicou á cidadanía nunhas charlas organizadas pola Plataforma Sanitaria.

Seguiremos apoiando toda mobilización e auto-organización da sociedade no que respecta á defensa da Sanidade Pública e a mellora desta.

Monforte e comarca sae á rúa en defensa do Hospital e da área sanitaria.

Foto de Radio Principal Ser Monforte.
Monforte foi hoxe (16-3-2013) un clamor contra o decreto de xestión sanitaria integrada. A cidadanía dunha das comarcas máis envellecidas de Galiza saíu, de novo, como en 2010, masivamente á rúa amosando o rexeitamento a que o Hospital Comarcal e a súa área sanitaria dependan da xerencia de Lugo. Este sistema de xestión sanitaria provincial amosou, por exemplo, no hospital do Barco, de similares características ao de Monforte, un aumento de listas de espera e perda de servizos. Recortes á maioría social e privatización dos bens públicos como a Sanidade para beneficio dos poucos, esa é a política do PP de Galiza. Monforte e comarca volven dicir NON aos plans de Feijóo. En 2010, a mobilización conseguiu parar o decreto de xestión provincial e Feijóo prometera que Monforte ía a seguir sendo área sanitaria. Agora, o Presidente decide se sigue cos plans de integración e falta á súa palabra ou se, por unha vez, escoita á cidadanía.