Apoio ás reivindicacións de afectad@s polas preferentes: devolución 100% dos aforros.




AnovA do Sur de Lugo apoia plenamente a reivindicación das plataformas de afectados polas preferentes de Galiza de esixir a devolución do 100% dos cartos ás persoas afectadas por participacións preferentes e obrigas subordinadas.



Dende a plataforma de afectados de Lugo pedíusenos apoio aos grupos municipais da comarca para presentar mocións nos concellos de apoio á súa reivindicación, que AnovA apoia plenamente. En Sober rexistrouse hoxe mesmo, xoves, 24 de xaneiro, a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, a moción facilitada pola plataforma para o seu debate no pleno da mesma tarde debate no pleno ordinario do xoves, 31 de xaneiro.



Dende AnovA, apoiamos a recén creada plataforma de afectados polas preferentes no sur de Lugo e colaboraremos na difusión desta estafa entre a cidadanía da nosa comarca. Así mesmo, apoiamos a manifestación que se celebrará en Santiago o 2 de febreiro.



As participacións preferentes e obrigas subordinadas foron un engano dos bancos á cidadanía aforradora, mediante o cal se fixeron cos aforros da xente para cadrar os seus balances: mediante estes produtos, as persoas aforradoras pasaron de ser depositarios a accionistas. As 78.000 persoas afectadas por estes produtos bancarios merecen ser tratadas como aforradores e non como inversores. Así, Alternativa Galega de Esqueda ten dito, a través do voceiro Xosé Manuel Beiras, que a “quita” para os afectados deste produtos é un roubo, que merecen recuperar o 100% dos seus aforros, pois son vítimas dunha estafa por parte das directivas dos bancos e das extintas caixas galegas, estafa coñecida polo Banco de España. A quita – que pode chegar ao 50% dos cartos – significa que as persoas afectadas van pagar as perdas da banca cos seus aforros.



Na maioría dos casos, as persoas con preferentes e subordinadas non saben que contrataron un produto de alto risco; de feito, calcúlase que hai unhas 30.000 persoas afectadas que non saben que o están.



Esta situación actual das caixas e o perigo destes produtos financeiros xa fora advertida por Xosé Manuel Beiras no Parlamento de Galiza en 1995. O mes pasado, o voceiro de AGE exortou aos xuíces de instrucción e aos ministerios fiscais das audiencias a exercer as súas competencias para proceder a investigar todos e cada un dos casos, contratos, as condicións de abuso, confianza e engano que se empregaron, e entrevistarse coas vítimas desta estafa para recadar os indicios de actuación delictiva e evitar que os cidadáns fiquen en estado de indefensión tal e como está a acontecer na actualidade, o que supón unha nova violación da Constitución.





AnovA – Asembleas de AnovA do Sur de Lugo




Valoración dos Orzamentos da Xunta para 2013.



Os Orzamentos da Xunta para 2013 están ao servizo das grandes finanzas, priorizando o pago da débeda, e contra a maioría social, recortando en servizos básicos. Para a nosa comarca, o recorte dun 66% en transferencias aos concellos vai repercutir moi negativamente na asistencia social que se poida prestar nunha comarca tan envellecida. O Hospital de Monforte, en inversión directa, recibe a irrisoria cantidade de 17.500 €

[ORZAMENTOS 2013, instrumento perxudicial para a cidadanía e ao servizo dos poderes financeiros] 


Para Anova, o Proxecto de Lei de Orzamentos da C. A. de Galiza para 2013 reflexan unha clara tendencia, non de aforro, senón de roubo ás clases máis indefensas economicamente para ter liquidez coa que pagar a débeda bancaria que foi asumida como débeda pública, débeda que case que se duplicou dende que goberna Feijóo. Esta política orzamentaria restrictiva, de recortes e máis recortes, agudiza o grave proceso de recesión no que estamos inmersos.

 Da demouca non se libra nada. Se o 'recorte' global dos orzamentos suma uns 655 millóns, o do ensino e a sanidade ascende a uns 290, case a metade (44%) do total.  O gasto orzamentario en vivenda cae na metade (45%). Os orzamentos redúcense en Cultura – xa con poucos recursos - nunha cuarta parte (24%). As transferencias aos concellos para atender os servizos sociais redúcenselles en dous terzos (66%). Mentras se dispara o paro (case 280.000 persoas desempregadas en Galiza) o orzamento para promoción do emprego, no conxunto dos oito programas nos que se veiculiza, redúcese nun 41%: a intermediación laboral nun 62%; o fomento da ocupación nun 68%; os servizos de emprego nun 86%; a promoción estrita nun 52% e elimínanse as prazas de orientadores laborais.
  
Unha das premisas que deben reflectir uns orzamentos é o proxecto político do grupo de goberno, uns orzamentos deben mostrar como un grupo que sustenta un goberno inviste os seus recursos económicos. Pois ben, o grupo de goberno do PP na Xunta goberna para as grandes finanzas – prioriza o pago da débeda – e contra a maioría social – recortando nos servizos básicos.

 

[ORZAMENTOS 2013, insuficientes para unha das comarcas máis envellecidas de Galiza]


Para a nosa comarca, o recorte dun 66% en transferencias aos concellos vai repercutir moi negativamente na asistencia social que se poida prestar nunha comarca tan envellecida coma a nosa.

No conxunto das terras lemavas, chantadinas e quiroguesas, hai localidades onde as inversións reais previstas nin sequera se poden calificar de esmola: concellos como os de, Quiroga, Ribas do Sil, Courel ou Pobra de Brollón reciben só 12.473 euros para a rede proximal de camiños. O Saviñao, Bóveda, Pantón ou Sober, por este mesmo concepto reciben 21.411 euros para repartir entre eles.


No tocante a infraestruturas básicas, o que máis precisamos é a rede de saneamento, algo que só se satisface no concello de Pantón, cos máis de 470.000 euros para a rede de saneamento en Tuiriz, algo que agardamos se extenda aos numeros núcleos que aínda carecen deste servizo básico na nosa comarca.


Investimentos en Chantada pouca cousa por non decir nada, ningunha infraestrutura en concreto, ningunha inversión produtiva: pouco máis de 22.000 euros para a rede de camiños para Taboada, Carballedo e Chantada, 60.000 euros para reparación ou en proceso de reparación de vivendas de promoción pública e pouco máis de 8.900 euros para a gran aposta da Xunta en Benestar para o programa de teleasistencia para os concellos de Taboada Chantada e Carballedo.


Orzaméntase 1 millón de euros para a rehabilitación do casco histórico, un investimento que ten como finalidade dar axudas a aquelas persoas que decidan rehabilitar as súas vivendas. Ogallá se leve a cabo nos tempos que corren, pero non o vemos moi factible.


En canto ao tan ¨cacareado¨ investimento do Porto Seco de Monforte, a Xunta inviste de fondos propios uns 106.000 euros, cando se sabe que a conexión entre a N-120 e o Porto Seco costa máis de 10 millóns de euros. Estamos a falar que esta infraestrutura verá a luz, se non pasa nada, cara ao 2016, e nun contexto de recesión poida que, desgraciadamente, non chegue a tempo para servir á dinamización económica de toda a comarca.


Os servizos sanitarios da comarcan non se libran da dinámica xeral de recortes. O Hospital de Monforte, en inversión directa, recibe a irrisoria cantidade de 17.500 €. Se temos en conta, como ten denunciado a Plataforma Sanitaria, que hai un gran gasto en calefacción por culpa de non ter un bo illamento térmico, estes 17.500 € soan escasísimos e parécennos que non garanten que se vaia apostar polo funcionamento de Monforte como área de xestión única da zona sur de Lugo, condenándonos a non ter recursos propios para o bo funcionamento do servizos sanitarios. Planea a sospeita da redución de servizos en todo o sistema sanitario galego.


[A ALTERNATIVA DE AGE]


O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, coalición na que participa Anova, presentou unha emenda á totalidade, no tocante á política fiscal, que perpitiría contar con case 600 millóns de euros máis, destinados a financiar sanidade, educación, servizos sociais ou políticas de medio ambiente.


Dende Anova, pedimos unha maior inversión directa no Hospital de Monforte, apostar por esta infraestrutura sanitaria en serio, garantindo o serivizo sanitario para 60.000 persoas como área de xestión única.


Dende Anova no sur de Lugo, impulsaremos unha campaña informativa sobre estes orzamentos antisociais da Xunta de Galiza.

Servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA.

Na mañá deste domingo, 20 de xaneiro, en Lugo, AnovA apoiou a concentración cívica que colectivos cidadáns de Lugo convocaron para esixir os prometidos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA.
Dende que se abriu o novo hospital, en novembro de 2010, aumentaron aínda máis as listas de agarda, hai camas pechadas e privatizáronse os servizos de limpeza, vixianza e seguridade, lavandeiría, informática e mantemento. Todo isto redunda na perda de calidade asistencial.
Ademais, o HULA carece aínda hoxe dos servizos - prometidos por Feijóo - de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear, para os cales se derivan os pacientes á Coruña. A atención dos pacientes de cardio é peor na provincia de Lugo cá noutras zonas de Galiza, cun tempo de espera, de media, de máis de 170 mitutos, unha situación precaria que se agrava polo envellecemento de numerosas comarcas da provincia de Lugo.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a situación límite a que foron sometid*s *s traballador*s de Paradores, concretada finalmente en máis recortes e despidos.

O Parador de Monforte pechará no periodo de vacacións do persoal, suprimíndose o servizo de comedor, o que incidirá negativamente no funcionamento deste establecemento. O Parador de Santo Estevo pechará tres meses ano ano. Ambas son malas novas para o turismo e o emprego na nosa comarca.
A presión social logrou deter a proposta inicial, pero Paradores está no punto de mira da privatización. 

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a situación límite a que foron sometid@s @s traballador@s de Paradores. 

Unha vez rematado o período de consultas do ERE e despois do acordo acadado entre a dirección da empresa pública Paradores de Turismo e o Comité Intercentros, consideramos que a situación límite en que a empresa puxo ás traballadoras e traballadores se concretou en máis recortes e despidos. 350 persoas en todo o estado perderán o seu posto de traballo, faltando por saber cales destes corresponden a Galiza, que cobrarán 25 días por ano traballado cun máximo de 20 mensualidades. O resto verá reducido o seu salario en función dos seus ingresos.
 
Outra medida adicional é a suspensión de contratos e as reducións de xornada mediante un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectará a 400 persoas, ás que se lles aplicará unha redución do 25% da xornada de traballo.

O Parador de Monforte pechará no periodo de vacacións do persoal, os de Santo Estevo e Tui pecharán 3 meses ao ano e os de Vilalba e Verín pecharán 4 meses. A isto temos que engadir a eliminación dos servizos de comedor nos Paradores de Ferrol, Monforte e Tui, unha medida que sen dúbida implicará máis trabas para o funcionamento destes Paradores.

Alternativa Galega de Esquerda considera inmoral que se lles rebaixe máis o salario aos traballadores e traballadoras, mentres se manteñen os millonarios ingresos dos directivos dunha empresa de carácter público, e considera que as medidas impostas rematarán por conseguir a falta de viabilidade dos Paradores como paso previo para a súa privatización e venda a prezo de saldo.

Dende Alternativa Galega de Esquerda instamos ao Goberno da Xunta para que actúe e se dirixa oficialmente ao Goberno do Estado na defensa duns establecementos claves para o sector turístico galego.