Unidade popular, ruptura democrática por abaixo e procesos constituíntes nas nacións do Estado!


Comunicado das asembleas abertas de Anova do sur lucense ante a abdicación do Borbón: unidade popular, ruptura democrática por abaixo e procesos constituíntes nas nacións do Estado!

As asembleas de Anova de Chantada, Lemos e Sober apoian todas as concentracións e manifestacións cidadás democráticas convocadas para hoxe, logo da abdicación do Borbón, e animan á militancia e xentes demócratas a acudir ás concentracións convocadas para esta tarde ás 20 h na praza de España de Monforte e na praza do Cantón de Chantada.

Anova do sur de Lugo considera que é o momento de unir forzas para propiciar unha ruptura democrática co réxime saído da Transición, herdeiro do Franquismo. Cómpre acabar coa podremia de todas as instancias do Estado – dende a Xustiza, cada vez máis alonxada da xente, ata a corrupción das instancias políticas e a sumisión dos poderes públicos ao poder financeiro, que esmaga á xente -. A única vía para conseguilo é a democracia: que a xente decidamos sobre todo o que nos afecta; que as nacións, como a galega, decidamos o que queremos ser.

Por iso, animamos ás forzas políticas e sociais democráticas das comarcas de Lemos e Chantada a amosar altura de miras e unírmonos pola consecueción do poder popular.

Como sinalaba Anova hai medio ano, “cómpren novas alternativas políticas, unha nova ferramenta dos e das nacionalistas galegas para intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político propiciado polo activismo da cidadanía. A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática coa segunda restauración borbónica, nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.”

Anova de Lemos, Sober e Chantada.
2 – xuño - 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario