Apertura dos comedores escolares galegos no verán: unha necesidade básica conseguida

 

Alternativa Galega de Esquerda consegue que a Xunta abra os comedores escolares no verán
 
* O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa presentada por AGE na que se insta ao goberno galego a poñer en marcha os convenios cos concellos interesados para poder usar as instalacións dos colexios en colaboración cos servizos públicos de benestar para evitar que os nenos e nenas pasen fame.

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) celebra a aprobación por unanimidade da proposta deste grupo na que se instaba á Xunta de Galicia a manter abertos os comedores escolares durante os meses de verán. O deputado Ramón Vázquez destacou a necesidade de intervir de xeito inmediato e urxente ante o drama que están a vivir milleiros de familias no noso país que a unha semana do remate do curso escolar non saben que lles van dar de comer os vindeiros meses. Por este motivo, o grupo de AGE presentou unha proposición de lei para garantir que ningún neno nin nena pase fame durante os vindeiros meses de verán. 

Pese a que a intervención do grupo parlamentar do PPdeG no debate da iniciativa facía pensar no seu voto negativo, posteriormente chegouse a un acordo que posibilitou a aprobación por unanimidade de todos os grupos da Cámara o que sen dúbida é un importantísimo paso cando do que se está a falar é da infancia e de garantir que podan facer polo menos unha comida en condicións ao día. Deste xeito, o texto da iniciativa aprobada finalmente foi o seguinte: 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar"

Os datos obxectivos, expostos por Vázquez, evidencian a dramática situación que están a vivir 72.000 escolares en Galiza, que só acceden a unha comida en condicións ao día e é a do colexio. A propia comunidade escolar denuncia diariamente o importante incremento de casos de mareos, nenos que comen de xeito compulsivo nos comedores, pequenas que non poden xa nin levar merenda de media mañá ou baixadas no rendemento escolar sen más xustificación que a fame. Por iso, resulta indispensable que o Goberno galego deixe de negar a realidade e desmentir os datos de Cáritas -que alerta da cronicificación da pobreza- ou mesmo do Insitituto Nacional de Estadística -que di que un de cada catro menores galegos viven por debaixo do limiar da pobreza, se comece a traballar por atallar unha situación tan grave e dramática como a que están a padecer os pequenos e pequenas do noso país.

No hay comentarios:

Publicar un comentario