O Parlamento aproba por unanimidade unha proposición de AGE na que se insta a rexeneración do río Quiroga e os seus afluentes

 
O Parlamento aproba por unanimidade unha proposición de AGE (Anova-EU-Equo-Espazo Ecosocialista) na que se insta á rexeneración hidrolóxica e forestal do río Quiroga e os seus afluentes.
Esta iniciativa insta á Xunta de Galicia a obrigar a todas as empresas mineiras a cumprir coa legalidade vixente e restaurar as zonas afectadas polas súa actividade.

Consuelo Martínez, explicou en comisión parlamentar que a restauración hidrolóxico-forestal que se ten emprendido co fin de ano no río Quiroga non pasa de ser un lavado de cara. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, inaugurou os traballos de cinco operarios que, durante un mes, con medios manuais, farán podas, desbroces selectivos e limparán a canle nun tramo de tres quilómetros de “árbores mortos, pólas secas e especies invasoras. O organismo que depende do Ministerio de Medio Ambiente investirá máis de 20.000 euros neste proxecto aproveitando que varias das empresas mineiras que botaban lousa ao canle do río Quiroga e do seu afluente, o Pacios, abandonaron os cráteres que abriron nesta paisaxe única. 

A deputada de AGE lembrou que Cupiga, Pebosa e Ferlosa pecharon hai cinco anos e o impacto ambiental que prevía a restauración das entulleiras naceu morto para os municipios de O Courel e Quiroga. "O acordo asinado entre a patronal da lousa e a Xunta non se ten cumprido" denunciou Consuelo Martínez. As infinitas montañas de escombro botado ladeira abaixo durante tres décadas seguen enturbando ríos e regatos. Mentres tanto, as louseiras que permanecen activas continúan xerando residuos a un ritmo delirante, xa que só é comercializable o 4% da lousa que se arranca da montaña. Así, "por cada tella que se ve, hai 94 máis tiradas", segundo o xeólogo Vidal Romaní, quen tamén calcula que coa lousa desbotada dende os anos setenta nesta comarca e en Valdeorras poderíase levantar, "e sobraría material", unha muralla como a china ao redor de toda Galiza. 

O desastre ambiental que afecta á canle do Quiroga concéntrase en Pacios e en Vilarbacú. Aos pes da canteira que segue funcionando na segunda destas poboacións o burato ten formado un lago que verte no río Quiroga e cuxa cor verde intensa delata o grao de contaminación da auga; dependendo da meteoroloxía, o lago de Vilarbacú tingue máis ou menos o río. 

"Dende 1982, é obrigatorio presentar un proxecto de restauración para abrir unha canteira, pero a Xunta nunca vixiou nin esixiu ás empresas que se fixesen cargo dos estragos provocados ao esquilmar a montaña" alertou Conseulo Martínez. 


foto: Vilarbacú aquí
Acordouse que o Ministerio de Medio Ambiente aportase o diñeiro procedente da UE (e que cubriría o 70% do custe da rexeneración), ao tempo que a Xunta asumía o 10% e as empresas responsables da esquilma debían pagar o 20%. O prazo de execución das obras de recuperación dos ríos e consolidación e recuperación da vexetación das ladeiras para salvar os ecosistemas degradados era de cinco anos a partir de 2002. Pero en 2009, a secretaría de Estado de Medio Rural anunciaba que a "restauración hidrolóxico-forestal" da conca do Quiroga, presupostada en 4,7 millóns de euros, fora "anulada". O Goberno central aseguraba, non obstante, que o plan de restauración das marxes do río Luruda, na súa penosa travesía, sepultado pola monumental entulleira de A Campa, seguía adiante pero "nunca máis se soubo" nada. Ante esta situación, a deputada Consuelo Martínez presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a obrigar a todas as empresas mineiras a cumprir coa legalidade vixente e restaurar as zonas afectadas polas extraccións de mineral

O texto aprobado o 15 de maio por unanimidade inclúe a demanda da Configuración Hidrográfica do Miño Sil a reforzar os traballos de limpeza e proceder á rexeneración do río Quiroga e os seus afluentes, así como a desenvolver o seguimento e control do cumprimento das obrigas ambientais por parte das empresas mineiras para minimizar o seu impacto sobre o territorio e , no caso de incumprimentos da lexislación, adoitar medidas para a esixencia de responsabilidade tanto na vía administrativa como na xurisdicional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario