Non á reforma da lei orgánica do poder xudicial: na defensa dunha xustiza próxima á cidadanía!


O colectivo de avogados/as de Lemos citou a todas as forzas políticas da comarca a unha xuntanza o pasado 30 de abril para explicar as consecuencias da aplicación do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, que conlevaría a supresión dos partidos xudiciais, coma o de Monforte.
Momento da xuntanza de avogad*s coas forzas políticas da comarca.
A xustiza é un dereito constitucional que debe garantir dúas premisas: servizo público e accesibilidade á cidadanía. Hoxe, a accesibilidade á xustiza vese condicionada por motivos económicos, por culpa das taxas xudiciais. De levarse a cabo o proxecto de lei, suprimiríanse partidos xudiciais, o que conlevaría desprazamentos e custes para a xente. Porque a lei non é clara sobre as instalacións e servizos que quedarían nos partidos xudiciais: non obrigaría a ter tribunais de instancia en cada partido xudicial. Na práctica: a actividade xudicial da provincia concentraríase en Lugo.

Segundo o Anteproxecto de Lei, crearíanse os Xulgados Provinciais de Instancia, centralizando nas capitais provinciais a actividade xudicial, algo totalmente en contra da potenciación do interior rural, ao privar a este dun servizo básico coma a xustiza. O que sería preciso para potenciar o rural sería a dotación de máis medios técnicos e humanos aos partidos xudiciais. A concentración xudicial nas capitais suporía máis traslados (máis custes para a cidadanía) e menos emprego nas comarcas rurais.

Coa aplicación da lei nin sequera se aforraría, pois carece de estudo económico: non preveu o que suporía trasladar a actividade xudicial dos partidos da provincia a Lugo, o que implicaría construción de novos edificios.

Este Anteproxecto non foi consensuado coas partes afectadas na administración de xustiza; o Colexo da Avogacía de Lugo oponse a el. O Consello Galego da Avogacía impulsa un manifesto a prol da continuidade dos partidos xudiciais galegos. En cambio, o goberno da Xunta só fixo mención á continuidade dos partidos xudiciais de Santiago, Vigo e Ferrol.

Na xuntanza houbo un compromiso por parte das forzas políticas de informar á cidadanía da comarca sobre o Anteproxecto de Lei e o que suporía.

O vindeiro luns, 12 de maio, haberá unha xuntanza informativa en Monforte, que apoiamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario