Cinco mortes por infarto en traslados dende o HULA a outras provincias: precisamos os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e medicina nuclear a tempo completo!


Manifestación a prol dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e medicina nuclear no HULA.
As cifras oficiais de mortes por infarto nos traslados desde o HULA a outras provincias confirman que os recortes xa están matando, con cinco casos de morte por traslado. 
Os datos aportados polo director de Asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Félix Rubial, en comisión parlamentar confirman que os recortes do Partido Popular matan. Así, cinco persoas morreron nos últimos anos durante o traslado en ambulancia desde Lugo a outras provincias por infarto ao non poder ser atendidos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) por non dispoñer da correspondente unidade de hemodinámica. Estas cinco mortes, totalmente  inadmisibles para o grupo parlamentar de AGE semellan non ser demasiadas para o goberno galego chegando a dicir o propio director de Asistencia Sanitaria que eran “unhas cifras baixas”, unha valoración cruel e intolerable cando do que estamos a falar é da morte de persoas. 
O número total de urxencias trasladadas por casos de infarto desde Lugo a outras provincias en tres anos superou os 3.600 doentes e máis de 2.000 traslados por tratamentos de radioterapia en ambulancia aos que habería que sumar os que o fan nun vehículo particular cargando cos importantes custes do desprazamento. Estas cifras avalan de xeito contundente as reclamacións dos veciños e veciñas de Lugo para que se dote de xeito urxente ao HULA dos servizos de Radioterapia,  Hemodinámica e medicina nuclear a tempo completo cos que se remataría cos traslados e o risco de morte de doentes. A unidade de Hemodinámica aberta no hospital lucense non rematou cos traslados xa que funciona unicamente en horario de 8 a 15 horas co que todos os doentes que sufran un infarto a partir desa hora terían que ser igualmente trasladados a outras provincias.
A mortalidade por infarto na área de Lugo dobraba a de Coruña, Compostela e Vigo e segundo os datos do propio Hospital de Coruña o tempo en que unha persoa infartada é atendida é o dobre para alguén de Lugo que para alguén de Coruña: 178 minutos. 
O calvario ao que a Xunta de Galicia está a someter aos doentes de cancro que precisan tratamentos de radioterapia supón un agravio comparativo para o resto das provincias tanto a nivel de servizo como polo custe do transporte e as molestias que se lles fai pasar que demostra unha insensibilidade por parte do goberno galego imposible de tolerar para alguén cun mínimo de humanidade. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario