Apoiamos as reivindicacións dos bombeiros que prestan servizo en xestión indirecta e pedimos a creación dun servizo público de emerxencias

Foto: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2014/04/11/pleno-municipal-bomberos-uniformados/0003_201404M11C5991.htm
Dende o Parlamento, a través de AGE, e dende os concellos, apoiamos a necesaria creación dun servizo de emerxencias público, coordinado pola Xunta de Galiza, e solidarizámonos coas xustas reivindicacións dos bombeiros que prestan servizo nos diferentes Consorcios Contra Incendios e Salvamento, baixo a modalidade de xestión indirecta: salario e condicións laborais dignas.

En Chantada, aprobouse unha moción a prol destas reivindicacións cos votos a favor de todos os grupos (INTA - Grupo Nacionalista - PSOE) e a abstención do PP, que reproducimos aquí.

En maio de 2007 entraba en vigor a Lei 5/2007 de emerxencias de Galicia. Pretendíase con esta lei atender as emerxencias de diverso tipo e gravidade que viñan acontecendo no noso país dende hai varias décadas como naufraxios, embarrancamentos nas nosas costas, inundacións, movementos sísmicos, incendios forestais constantes, etc.
A estas emerxencias temos que engadir o conxunto de riscos cotiáns que afectan á vida de persoas, animais, ao ambiente, así como aos bens da cidadanía galega. Ámbalas dúas modalidades de riscos e emerxencias requerían o establecemento dun marco legal propio que articulara un sistema integrado para a súa xestión.

Entendemos que os Servizos de Emerxencias, particularmente os Bombeiros, teñen que ser xestionados de forma directa e teñen que abranguer todo o territorio galego. 

Mais a situación en Galicia é ben diferente: salvo nas grandes cidades os Bombeiros dependen de empresas privadas, sen garantir de xeito efectivo que o conxunto da cidadanía galega dispoña dun servizo de calidade, senón máis ben en precario.

Na provincia de Lugo, este servizo ven sendo prestado polas empresas VEICAR
S.L. e a UTE HASA-NATUTECNIA. A empresa VEICAR xestiona os parques situados na zona norte (Vilalba, Barreiros e Viveiro) e NATUTECNIA os da zona sur (Chantada, Sarria e Monforte). Mentres a empresa VEICAR foi capaz de chegar a un acordo cos traballadores e plasmalo nun convenio laboral, NATUTECNIA, non só non é capaz de chegar a un acordo, senón que aprovéitase da reforma laboral para recortar de xeito moi significativo os dereitos laborais dos traballadores que forman parte do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo, afectando entre outros aos bombeiros que atenden as comarcas de Chantada, Lemos e Sarria.

Dito servizo estase a prestar en mínimos, tal e como constata o feito de que o número mínimo de efectivos de garda estando de folga é o mesmo que o  do servizo ordinario. Hai que dicir que os traballadores destes parques están en folga dende Setembro de 2013. Coa aplicación do Réxime dos Traballadores existente ata o de agora, e por mor da interpretación que fai a empresa xestora da reforma laboral, os Bombeiros están a sufrir a redución da súa capacidade económica. Ademais, no caso de baixa laboral, estes están a percibir un 40% menos do seu salario no primeiro mes, e un 25% menos no resto, cando a empresa percibe o 100% da administración

Lembremos que estamos falando dunha profesión de alto risco, onde os accidentes laborais son habituais e poden ser moi graves. Este risco vese acentuado gravemente por mor de traballar en quendas de 3 persoas, cando o aconsellable nesta profesión é non traballar nunca con equipos de menos de 5 persoas, segundo se expón na normativa europea. Traballando en quendas de 3 bombeiros, non se acadan estas recomendacións de seguridade tanto para o persoal intervinte, neste caso os bombeiros, como para a xente afectada nunha intervención, é dicir, a cidadanía.

Así mesmo, a problemática deste sector está a vivir unha grande deixadez social, polo que as empresas están a presionar ós traballadores hasta o ponto de ter que pagarse a súa formación, e nalgún caso repoñer material danado, amais das presións continuas que sofren, ó ser eles os que levan todo o peso das intervencións sen ter un marco legal que regule a súa profesión.

Polo tanto, en canto a prestación do servizo, só cabe dicir que evidentemente é un servicio mermado, que sae adiante polo traballo destes profesionais, sen que o modelo de xestión axude no mais mínimo a melloralo, mais ben todo o contrario, estase a utilizar este servicio básico para toda a cidadanía coma unha ferramenta económica.

Nin que dicir ten que o actual status laboral dos bombeiros que forman parte desta xestión indirecta non permite que as condicións contempladas en materia de xubilación se equiparen ás dos seus compañeiros dependentes da administración. Non esquezamos que polas peculiaridades da profesión a súa idade de xubilación debe ser máis prematura que a de outros colectivos.

Por todo isto sométese á consideración do Pleno de Chantada a seguinte proposta de ACORDOS:

1. A Corporación Municipal de Chantada, solidarízase cos Bombeiros que prestan Servizo nos diferentes Consorcios Contra Incendios e Salvamento, baixo a modalidade de xestión indirecta.

2. A Corporación Municipal de Chantada, insta á Xunta de Galicia a crear un servizo de emerxencias público, coordinado pola propia Xunta, e que abranga a totalidade do territorio galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario