Anova apoia as manifestacións contra a LOMCE


Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento.
Lembramos que para ANOVA a LOMCE (Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa) supón unha regresión de décadas no ensino público: unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Esta aberración en forma de lei, elaborada sen consenso coa comunidade educativa, supón:
  • Desmantelamento do ensino público de calidade mediante un proceso de mercantilización do mesmo.
  • Segregación do alumnado, comezando pola segregación económica que supón a non gratuidade do ensino infantil, e a segregación sexista, por permitir os concertos educativos con centros que segregan por sexo. A posibilidade de “dereito de admisión” dos centros educativos, coa chamada “liberdade de elección de centro”, creará centos de primeira e de segunda en canto a recursos e calidade do ensino, fomentando ademais o ensino privado.
  • Modelo competitivo, coa reintrodución das reválidas, que a partir de 6º serán realizadas por “especialistas externos ao centro”, o que fomenta a privatización do ensino.
  • Eliminación da democracia na organización da comunidade educativa, transferindo competencias do Consello Escolar – que ficaría agora cun mero carácter consultivo – á Dirección.
  • En lugar de traballar contra as causas do fracaso escolar, créanse rutas de saída disimulada das mozas e mozos “fracasadas” do sistema con vías como a da “FP básica”.
  • Elitización do ensino superior, con maiores trabas para o acceso a este, tanto académicas coma económicas (suba de taxas…).
  • Españolización –reducindo a carga lectiva do galego, que non é troncal, como é o castelán ou o inglés– e centralismo.
  • Adoutrinamento reaccionario. Relixión como materia máis importante en rango que o galego e a filosofía e eliminación de materias que fomentan o pensamento crítico (Ciencias do Mundo Contemporáneo, Educación para a Cidadanía…).
  • Intento de introducir “coñecementos financeiros” no ensino, conforme a unha estratexia deseñada pola OCDE.
O deterioro do ensino público enmárcase nun proceso xeral de desmantelamento do “Estado do Benestar” e privatización dos bens e servizos públicos que arranca nos anos 70, proceso hoxe agravado coa aplicvación desta lei.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.
Paremos a LOMCE! Paremos a expulsión das maiorías sociais do sistema educativo público!

No hay comentarios:

Publicar un comentario