Valoración dos Orzamentos da Xunta para 2013.



Os Orzamentos da Xunta para 2013 están ao servizo das grandes finanzas, priorizando o pago da débeda, e contra a maioría social, recortando en servizos básicos. Para a nosa comarca, o recorte dun 66% en transferencias aos concellos vai repercutir moi negativamente na asistencia social que se poida prestar nunha comarca tan envellecida. O Hospital de Monforte, en inversión directa, recibe a irrisoria cantidade de 17.500 €

[ORZAMENTOS 2013, instrumento perxudicial para a cidadanía e ao servizo dos poderes financeiros] 


Para Anova, o Proxecto de Lei de Orzamentos da C. A. de Galiza para 2013 reflexan unha clara tendencia, non de aforro, senón de roubo ás clases máis indefensas economicamente para ter liquidez coa que pagar a débeda bancaria que foi asumida como débeda pública, débeda que case que se duplicou dende que goberna Feijóo. Esta política orzamentaria restrictiva, de recortes e máis recortes, agudiza o grave proceso de recesión no que estamos inmersos.

 Da demouca non se libra nada. Se o 'recorte' global dos orzamentos suma uns 655 millóns, o do ensino e a sanidade ascende a uns 290, case a metade (44%) do total.  O gasto orzamentario en vivenda cae na metade (45%). Os orzamentos redúcense en Cultura – xa con poucos recursos - nunha cuarta parte (24%). As transferencias aos concellos para atender os servizos sociais redúcenselles en dous terzos (66%). Mentras se dispara o paro (case 280.000 persoas desempregadas en Galiza) o orzamento para promoción do emprego, no conxunto dos oito programas nos que se veiculiza, redúcese nun 41%: a intermediación laboral nun 62%; o fomento da ocupación nun 68%; os servizos de emprego nun 86%; a promoción estrita nun 52% e elimínanse as prazas de orientadores laborais.
  
Unha das premisas que deben reflectir uns orzamentos é o proxecto político do grupo de goberno, uns orzamentos deben mostrar como un grupo que sustenta un goberno inviste os seus recursos económicos. Pois ben, o grupo de goberno do PP na Xunta goberna para as grandes finanzas – prioriza o pago da débeda – e contra a maioría social – recortando nos servizos básicos.

 

[ORZAMENTOS 2013, insuficientes para unha das comarcas máis envellecidas de Galiza]


Para a nosa comarca, o recorte dun 66% en transferencias aos concellos vai repercutir moi negativamente na asistencia social que se poida prestar nunha comarca tan envellecida coma a nosa.

No conxunto das terras lemavas, chantadinas e quiroguesas, hai localidades onde as inversións reais previstas nin sequera se poden calificar de esmola: concellos como os de, Quiroga, Ribas do Sil, Courel ou Pobra de Brollón reciben só 12.473 euros para a rede proximal de camiños. O Saviñao, Bóveda, Pantón ou Sober, por este mesmo concepto reciben 21.411 euros para repartir entre eles.


No tocante a infraestruturas básicas, o que máis precisamos é a rede de saneamento, algo que só se satisface no concello de Pantón, cos máis de 470.000 euros para a rede de saneamento en Tuiriz, algo que agardamos se extenda aos numeros núcleos que aínda carecen deste servizo básico na nosa comarca.


Investimentos en Chantada pouca cousa por non decir nada, ningunha infraestrutura en concreto, ningunha inversión produtiva: pouco máis de 22.000 euros para a rede de camiños para Taboada, Carballedo e Chantada, 60.000 euros para reparación ou en proceso de reparación de vivendas de promoción pública e pouco máis de 8.900 euros para a gran aposta da Xunta en Benestar para o programa de teleasistencia para os concellos de Taboada Chantada e Carballedo.


Orzaméntase 1 millón de euros para a rehabilitación do casco histórico, un investimento que ten como finalidade dar axudas a aquelas persoas que decidan rehabilitar as súas vivendas. Ogallá se leve a cabo nos tempos que corren, pero non o vemos moi factible.


En canto ao tan ¨cacareado¨ investimento do Porto Seco de Monforte, a Xunta inviste de fondos propios uns 106.000 euros, cando se sabe que a conexión entre a N-120 e o Porto Seco costa máis de 10 millóns de euros. Estamos a falar que esta infraestrutura verá a luz, se non pasa nada, cara ao 2016, e nun contexto de recesión poida que, desgraciadamente, non chegue a tempo para servir á dinamización económica de toda a comarca.


Os servizos sanitarios da comarcan non se libran da dinámica xeral de recortes. O Hospital de Monforte, en inversión directa, recibe a irrisoria cantidade de 17.500 €. Se temos en conta, como ten denunciado a Plataforma Sanitaria, que hai un gran gasto en calefacción por culpa de non ter un bo illamento térmico, estes 17.500 € soan escasísimos e parécennos que non garanten que se vaia apostar polo funcionamento de Monforte como área de xestión única da zona sur de Lugo, condenándonos a non ter recursos propios para o bo funcionamento do servizos sanitarios. Planea a sospeita da redución de servizos en todo o sistema sanitario galego.


[A ALTERNATIVA DE AGE]


O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, coalición na que participa Anova, presentou unha emenda á totalidade, no tocante á política fiscal, que perpitiría contar con case 600 millóns de euros máis, destinados a financiar sanidade, educación, servizos sociais ou políticas de medio ambiente.


Dende Anova, pedimos unha maior inversión directa no Hospital de Monforte, apostar por esta infraestrutura sanitaria en serio, garantindo o serivizo sanitario para 60.000 persoas como área de xestión única.


Dende Anova no sur de Lugo, impulsaremos unha campaña informativa sobre estes orzamentos antisociais da Xunta de Galiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario