Apoio ás reivindicacións de afectad@s polas preferentes: devolución 100% dos aforros.




AnovA do Sur de Lugo apoia plenamente a reivindicación das plataformas de afectados polas preferentes de Galiza de esixir a devolución do 100% dos cartos ás persoas afectadas por participacións preferentes e obrigas subordinadas.



Dende a plataforma de afectados de Lugo pedíusenos apoio aos grupos municipais da comarca para presentar mocións nos concellos de apoio á súa reivindicación, que AnovA apoia plenamente. En Sober rexistrouse hoxe mesmo, xoves, 24 de xaneiro, a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, a moción facilitada pola plataforma para o seu debate no pleno da mesma tarde debate no pleno ordinario do xoves, 31 de xaneiro.



Dende AnovA, apoiamos a recén creada plataforma de afectados polas preferentes no sur de Lugo e colaboraremos na difusión desta estafa entre a cidadanía da nosa comarca. Así mesmo, apoiamos a manifestación que se celebrará en Santiago o 2 de febreiro.



As participacións preferentes e obrigas subordinadas foron un engano dos bancos á cidadanía aforradora, mediante o cal se fixeron cos aforros da xente para cadrar os seus balances: mediante estes produtos, as persoas aforradoras pasaron de ser depositarios a accionistas. As 78.000 persoas afectadas por estes produtos bancarios merecen ser tratadas como aforradores e non como inversores. Así, Alternativa Galega de Esqueda ten dito, a través do voceiro Xosé Manuel Beiras, que a “quita” para os afectados deste produtos é un roubo, que merecen recuperar o 100% dos seus aforros, pois son vítimas dunha estafa por parte das directivas dos bancos e das extintas caixas galegas, estafa coñecida polo Banco de España. A quita – que pode chegar ao 50% dos cartos – significa que as persoas afectadas van pagar as perdas da banca cos seus aforros.



Na maioría dos casos, as persoas con preferentes e subordinadas non saben que contrataron un produto de alto risco; de feito, calcúlase que hai unhas 30.000 persoas afectadas que non saben que o están.



Esta situación actual das caixas e o perigo destes produtos financeiros xa fora advertida por Xosé Manuel Beiras no Parlamento de Galiza en 1995. O mes pasado, o voceiro de AGE exortou aos xuíces de instrucción e aos ministerios fiscais das audiencias a exercer as súas competencias para proceder a investigar todos e cada un dos casos, contratos, as condicións de abuso, confianza e engano que se empregaron, e entrevistarse coas vítimas desta estafa para recadar os indicios de actuación delictiva e evitar que os cidadáns fiquen en estado de indefensión tal e como está a acontecer na actualidade, o que supón unha nova violación da Constitución.





AnovA – Asembleas de AnovA do Sur de Lugo




No hay comentarios:

Publicar un comentario