Anova do sur de Lugo ante a reforma da Administración local: o noso rexeitamento frontal



Dende as asembleas de Anova do sur de Lugo, consideramos que o mal chamado “proyecto de Ley de racionalización y sostenibilidad de la Administración Local” non ten outro obxectivo que a supresión de servizos públicos esenciais dos concellos, abocados á súa futura privatización, o que repercutirá nunha degradación das condicións de vida dunha poboación xa esmagada pola políticas depredadoras, económicas e sociais, do PP.

Esta reforma é unha esixencia máis dos “mercados”, pois responde á vontade de adaptar a normativa que regula a Administración local á modificación que se fixo da Constitución en 2011, coa que se adoptou o principio de estabilidade orzamentaria. Esta lóxica economicista supón a defunción do modelo de Estado do benestar, do cal os servizos sociais municipais son un piar fundamental e se ven en perigo con este proxecto de lei.

Consideramos que esta reforma da Administración local supón:

- Recentralización. Reforzamento das Deputacións e do Estado central, en detrimento das competencias dos Concellos e da propia Xunta de Galiza. Trátase dun cambio de modelo que remata co municipalismo, coas administracións máis próximas á cidadanía, todo o contrario a unha democracia avanzada, descentralizada e próxima á cidadanía.
Isto supón un afastamento da toma de decisión sobre os servizos básicos da cidadanía, coa conseguinte redución de servizos. Haberá un control estatal da xestión económico-financieira dos Concellos, impoñendo o seguimento das estúpidas doutrinas de estabilidade orzamentaria, é dicir, de recortes.

- Antidemocrática, afastamento da toma de decisións do seu nivel máis próximo á cidadanía. Fiscalización dos concellos de menos de 20.000 hab por parte das Deputacións, que non son escollidas mediante votación directa. Ataque á autonomía municipal.

- Privatización e perda de servizos. Afonda no camiño de privatización (“favorecer la iniciativa económica privada”) de servizos básicos municipais, do mesmo xeito que o “teito de gasto”, que impón limitacións para contratar traballadores públicos nos concellos e obriga a estes a externalizar calquera servizo de nova creación.
Proxectase que no caso da prestación de servizos polos Concellos en materia de sanidade, educación e servizos sociais, se traspase a súa xestión ás Comunidades Autónomas, para o cal o proxecto fixa uns prazos determinados, pero sen que se coñeza o financiamento e cobertura orzamentaria de dito traspaso.

- Perda de servizos sociais. O propio Consejo General del Trabajo Social manifestouse totalmente en contra deste proxecto de lei e di que “renunciar ao modelo de servizos sociais supón renunciar aos dereitos sociais e volver á beneficencia e á caridade”. Perigan empregos sociais e servizos sociais ao trasladar estes dende as entidades locais ás autonómicas. Facer isto nun contexto de grave crise social supón abandonar a milleiros de persoas necesitades de atención social á súa sorte.

- Ataque ás posibilidades de organización racional do rural galego. A lei privaría de personalidade xurídica ás mancomunidades e ás entidades inferiores ao municipio, atacando unha das competencias que atribúe o Estatuto de Autonomía á Xunta de Galiza: a creación de demarcacións supra (comarcas) e infra (parroquias) municipais.


- Fomento do caciquismo, reforzando o papel das Deputacións e unha relación de dependencia dos concellos de menos de 20.000 habitantes con estas institucións, ineficientes, caciquís e contrarias ao interese público. Para o rural galego, organizado en concellos inferiores a esa cifra de poboación, a lei supón un novo ataque.
A administración local é a que menos peso ten na débeda pública, mais os poderes fácticos aproveitan a crise para vendernos esta reforma como inevitable. Só un 3,6% da débeda pública do Estado no segundo semestre de 2012 se atribuía as Corporacións locais.

As asembleas de Anova do sur de Lugo consideramos que a cidadanía debe ser consciente da agresión que supón esta reforma, por iso impulsaremos unha campaña informativa sobre a mesma. A reforma aféctanos a todos e a todas, na medida en que é un paso máis cara a instauración dun sistema social cada vez máis inxusto.

Por iso, manifestamos o noso rexeitamento a esta lei que suporá un recorte e privatización de servizos públicos, o reforzamento das Deputacións e una degradación da autonomía local e da democracia.

Por iso, os concelleiros, concelleiras e responsábeis de acción institucional de Anova no sur de Lugo asistiremos á xuntanza convocada para o día 10 de setembro en Compostela pola coordinadora de cargos políticos municipais formada en Lugo contra a reforma da Administración local, e da que Anova participou dende o inicio.

A esta xuntanza están convocados cargos públicos municipais de toda Galiza e ten o obxectivo de socializar o noso descontento coa reforma da Administración local de cara a trasladar o noso rexeitamento á FEGAMP, con quen unha delegación desta asemblea terá unha entrevista ao día seguinte (11 de setembro).

A asemblea será o 10 de setembro ás 12 da mañá no restaurante Paz Nogueira de Compostela, rúa Castiñeiriño 14-16, e informaremos dela posteriormente á cidadanía.


No hay comentarios:

Publicar un comentario