Anova felicita á sociedade pola manifestación a prol da área sanitaria


Anova felicita á sociedade das comarcas da zona sur de Lugo pola lección de dignidade amosada na masiva manifestación en defensa da área sanitaria de Monforte.

Rexeitamos os intentos do PP de deslexitimar a mobilización, pois os dereitos só se conseguiron con loita e presión por parte da maioría social. A mobilización do sábado non foi inútil, e o PP de Galiza e do sur de Lugo saben que teñen diante á maioría da sociedade en contra dos plans de xerencia sanitaria integrada en Lugo. Neste sentido, as declaracións a Radio Principal Ser Monforte por parte da voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez, parécennos indignantes, pois califica de “algarada” a mobilización e amosa un descoñecemento da realidade galega, ao dicir que no resto de Galiza non hai mobilizacións en contra da xestión provincial, cando na propia zona da Mariña o xerente - cargo do PPdG - dimitiu en contra deste decreto de xestión provincial e está habendo unha intensa mobilización, así como manifestacións contra a privatización e perda de servizos sanitarios por toda Galiza. Ademais, Julia Rodríguez acusa de manipulación ás persoas e colectivos promotores da mobilización, o que nos parece intolerábel.

A cidadanía non se mobiliza enganada, sabe perfectamente que o modelo sanitario do PP, o dos recortes e a privatización, ensaiado en Valencia e Madrid e iniciado en Galiza: perda da calidade asistencial. No caso da xestión sanitaria provincial, a cidadanía de Monforte e comarcas sabe que este modelo resultou lesivo no hospital do Barco – similar en características ao de Monforte – cando se aplicou na provincia de Ourense o modelo de xestión provincial, tal e como se nos explicou á cidadanía nunhas charlas organizadas pola Plataforma Sanitaria.

Seguiremos apoiando toda mobilización e auto-organización da sociedade no que respecta á defensa da Sanidade Pública e a mellora desta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario