Chamamos á cidadanía a participar na concentración convocada para o
xoves, 19 de xuño, ás 20:30 horas na praza de España de Monforte de
Lemos, onde se celebrará un acto cívico con música e lectura de
manifesto.
Asemade, animamos á cidadanía a aportar ideas de lemas e
reivindicacións para o manifesto e a sacar a simboloxía reivindicativa
ás rúas na xornada de "entronización" de Felipe de Borbón.
Organizacións que participaron na elaboración e apoian este
manifesto: Anova – BNG – Espazo Ecosocialista – Equo – CIG (esta
relación está aberta a futuras incorporacións). [actualizado: 17 - xuño -
2014]
Co anuncio da abdicación do Borbón Juan Carlos e a entronización do
Borbón Felipe, o réxime intenta renovarse para que “todo siga máis ou
menos igual”.
A renuncia de Juan Carlos I non pretende outra cousa que
salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos
casos de corrupción: queren poñer un novo rei en quince días sen contar
coa opinión do pobo, a semellanza de como fixeron en agosto de 2011 coa
reforma do artigo 135 da Constitución.
Estamos nun momento histórico cun modelo de constitución caduco e que agoniza. O ditador Franco, que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Juan Carlos, que nunca condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”.
A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime
vitalicio e hereditario que non ten en conta a vontade popular porque o
rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións
democráticas.
Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso
futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos
por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía
poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e
escoller a forma do Estado, cara un modelo que garanta a igualdade, a
xustiza social e a liberdade.
A comarca de Lemos ten unha forte tradición republicana, como se
comprobou nas eleccións celebradas en 1931 e durante a II República ou
na mobilización popular do sindicalismo agrario e obreiro, na IV
Asemblea Nacionalista ou no labor das mestras e mestres republicanos. A
sociedade da comarca de Lemos pagou de 1936 un alto prezo pola súa
decisión de liberarse das cadeas.
Hoxe, recollendo ese legado, é hora de manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia.
Porque o que chaman democracia non o é: democracia é ter garantidas
unhas condicións de vida dignas e poder decidir sobre o noso futuro.
Imos construír un mundo novo, gañar o noso futuro.
Lembramos, ademais, que a República é máis que unha forma de estado, é
un xeito de relacionármonos na sociedade, é unha cultura onde todas e
todos somos iguais e nos tratamos como tal: liberdade, igualdade e
fraternidade segue a ser un lema necesario.
Por iso, porque o pobo queremos decidir, chamamos á sociedade a asumir que cómpre:
- unha creba democrática: participación popular no deseño dun modelo
de estado ao servizo da maioría social, xusto e democrático.
- dereitos dos pobos a decidir, soberanía popular, coa apertura de procesos constituíntes nas nacións do Estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario