Mostrando entradas con la etiqueta eleccións galegas 2012. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta eleccións galegas 2012. Mostrar todas las entradas

Comunicado de Anova sobre as eleccións.

Anova valora como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido, como di o seu programa, na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Reunida hoxe en Santiago de Compostela a Coordinadora Nacional de ANOVA para avaliar o proceso electoral e os resultados das Eleccións Autonómicas do 21 de Outubro, acordou facer público o que segue:

1. Agradecer á cidadanía galega o seu apoio masivo, a ilusión e a confianza depositada na coalición Alternativa Galega de Esquerda, que se configura así como oposición xenuína ao desgoberno do PP.

2. Felicitar publicamente a Xosé Manuel Beiras polo seu magnífico labor de campaña desenvolvido e por saber representar e concitar co seu discurso os anceios de rebeldía dunha parte moi importante da cidadanía.

3. Facer mención expresa do labor realizado pola militancia de ANOVA e do conxunto de simpatizantes que colaboraron voluntariamente en levar a bo porto esta campaña, salientado a magnífica actividade dos mesmos nas redes sociais.

4. Valorar como excelentes o resultado electoral da nosa coalición malia que o descenso de máis de 500.000 votos das tres forzas presentes até agora no Parlamento Galego deu a maioría ao PP aparentando en escanos un avanzo que non tivo na sociedade.

5. Valorar como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido como di o seu programa na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Noutra orde de cousas, acordouse tamén a posta en marcha do traballo de consolidación e organización de ANOVA acordado na súa asemblea constituínte do 14 de xullo, e adiado pola convocatoria electoral, que deberá estar rematado no mes de xaneiro e como estaba previsto desembocará nunha Asemblea Nacional da nova organización nacionalista de esquerda.

A Coordinadora Nacional acordou tamén neste encontro apoiar a folga xeral do vindeiro 14 de novembro.

Por último, ANOVA quere felicitar e solidarizarse co Fiscal Xeral de Galiza, o señor Varela, polas súas declaracións nas que criticou os recortes sociais e denunciou a blindaxe dos mercados e a actitude dos gobernos que priorizan o "mundo dos negocios" fronte as persoas.

Galiza a 27 de outubro de 2012