Concentración contra a privatización da Sanidade: mércores, 26M


Este mércores tamén hai que defender con dignidade a Sanidade Pública. Concentración ás 20 h na praza de España de Monforte.

Pleno en Chantada: esiximos respecto polas formas democráticas.


Onte, 3 de marzo de 2014, celebrouse un pleno extraordinario en Chantada no que se propoñía por parte do goberno a declaración de servizo prioritario das piscinas municipais, con 8 postos de traballo para retomar o servizo.
Os argumentos de Ildefonso Piñeiro Díaz e do grupo municipal nacionalista foron a prol do fondo e en contra das formas, por iso se optou pola ABSTENCIÓN.
Podedes ler aquí os "argumentos para unha abstención".
No punto donde se declaraba prioritario o servizo de limpeza (punto 3), ABANDONAMOS o pleno porque foi unha falta de respecto, unha barbaridade, que o expediente se nos enviara ás onde da mañá (ás 10:47 para ser exactos) por correo electrónico e que cerca das duas da tarde se nos enviara unha correción da acta do pleno, donde se falaba do levantamento dun reparo (algo importante, esto quere decir que intervención pon trabas a esta declaración).
Tomamos a decisión de marchar por respecto as formas democráticas que se deben de manter.

ILP polo emprego da CIG: colaboramos dende os concellos


Hoxe a CIG presentounos aos grupos políticos con representación nas corporacións municipais da provincia de Lugo as súas propostas para crear emprego no noso país, plasmadas na ILP polo emprego, que a CIG vai presentar nos concellos.

Cómpre colaborármonos tamén nos concellos en darlle pulo ás propostas da ILP polo emprego, medidas que crearína emprego en Galiza.
Dende Anova amosamos a nosa colaboración.
Máis info: 

http://www.galizacig.com/avantar/novas/16-9-2013/a-cig-inicia-unha-campana-con-100-medidas-para-o-crecemento-economico-e-a-creacion-d

Anova e AGE reclaman medidas concretas de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra

 
As asembleas de Anova do sur lucense apoian a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e reclaman plans concretos de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra. 

Alternativa Galega de Esquerda reclama que a Xunta poña en marcha un plan de dinamización económica e medioambiental con cronoloxía e memoria orzamentada e outro de preservación, restauración, divulgación e investigación do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra. 
 
As administracións implicadas neste territorio deben poñer en marcha xa, sen agardar á distinción, un plan de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra con actuacións concretas urxentes en valores patrimoniais en perigo, como é o rico patrimonio inmaterial neste territorio envellecido. A través de AGE, presentamos estas reivindicacións á Xunta de Galiza.


* POSTURA DE ANOVA SOBRE A FIGURA DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA A RIBEIRA SACRA

A consecución da figura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sería algo moi positivo para a Ribeira Sacra, pois implica que a zona sexa declarada de especial protección e que deberá ser conservada como patrimonio común da humanidade. Ademais, podería optar a financiación por parte da UNESCO. Alén da importancia cultural, ética e humana que supón esta distinción, daría un pulo ao turismo e á vitivinicultura na zona, como xa ten sucedido noutros lugares declarados Patrimonio da Humanidade.

Mais esta figura por si soa non garante a preservación e mellora do estado do Patrimonio da zona así galardoada, senon que precisa unha participación activa da cidadanía e unha implicación efectiva das distintas administracións que actúan sobre o territorio, que deben manter e conservar o patrimonio cultural herdado e protexer o medio ambiente. Esíxese un especial coidado das administracións no caso da Ribeira Sacra, pois non se trata só dun monumento ou conxunto patrimonial ou dunha soa cidade, senón de todo un territorio con infinidade de patrimonio moi variado, para o cal non contamos con sitios semellantes declarados patrimonio da humanidade no Estado Español (podería semellarse co conxunto das igrexas románicas do Vall de Boí, en Catalunya, ou coa Serra da Tramuntana, en Mallorca), tendo que buscar referencias máis semellantes no Alto Douro, en Portugal, ou en Cinque Terre, en Italia, exemplos que a Comisión que dirixe a candidatura da Ribeira Sacra debería ter en conta.


A distintinción da RS como Patrimonio da Humanidade non pode supoñer, en ningún caso, unha musealización mal entendida da zona: ten que ser un territorio vivo onde as comunidades veciñais se impliquen na súa vida económica e cultural.

O territorio coñecido coa denominación “Ribeira Sacra”, que engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de Trives, ten singularidades paisaxísticas e culturais que a convirten nunha paraxe única: a xeomorfoloxía, con sendos canóns de Sil e Miño que conforman escarpadas pendentes onde se desenvolveu o cultivo en bancais, unha das obras humanas máis impresionantes do mundo; o clima, mediterráneo nos canóns, que mixtura a influencia continental, atlántica e mediterránea e orixina unha vexetación e fauna variada; o inxente patrimonio cultural, sendo un territorio tremendamente humanizado e con restos arqueolóxico-artísticos dende as primeiras etapas da humanidade: os achádegos paleolíticos na depresión de Lemos, o importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo, os numerosos castros e restos romanos, especialmente a minaría romana en Quiroga e os enclaves de Castillón, Proendos e San Vicente, os retallos arquitectónicos altomedievais, unha concentración de arte románica das máis importantes de Europa, castelos e torres medievais, o Barroco dos mosteiros e igrexas e as importantes obras da cidade de Monforte e numerosas obras de arte popular e arquitectura civil e eclesiástica de todas as épocas.
Conta ademais con enormes potencialidades agro-gandeiras e no sector artesanal, que posibilitarían a vida digna nesta terra de moita xente que segue a emigrar dela.

Asemade, sofre ameazas que esixen unha especial atención das administracións. Un dos maiores ataques sufridos pola zona (e que pon en risco a propia candidatura a Patrimonio da Humanidade) é o sobre-aproveitamento hidroeléctrico, do que se benefician as grandes empresas eléctricas sen que supuxera nunca beneficio para a poboación da zona (os encoros destruíron a paisaxe, anegaron as mellores terras, expropiadas a prezos irrisorios, racharon as prósperas relacións entre ribeiras, empregaron man de obra represaliada e en precarias condicións laborais e nunca supuxeron beneficios tarifarios na electricidade). Tamén é preocupante a escasa rede de saneamento coa que se conta na zona lucense, coa conseguinte contaminación dos ríos e regatos, a excesiva contaminación por produtos fitosanitarios das terras da ribeira, falta de apoio ao sector leiteiro, nula ou inefectiva política de control da praga dosincendios forestais ou carencia de redes de transporte público.
Falamos, ademais, dun territorio especialmente envellecido (concellos dos máis envellecidos do mundo) e de baixo nivel de renda en comparación con outras zonas de Galiza.

Dende Anova, cremos firmemente que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade debe ser unha oportunidade de implicar á cidadanía na conservación e coñecemento do noso patrimonio en todos os sentidos, toda vez que no proceso da candidatura, o ICOMOS, órgano consultivo para patrimonio cultural,encargado de emitir un ditame previo á valoración da candidatura polo Comité da UNESCO, se entrevistará coa sociedade civil durante o proceso. Así, a campaña cidadá non pode reducirse á recollida de sinaturas en puntos da zona nin a campañas unidireccionais nas redes sociais. É un paso positivo neste sentido o abrir a posibilidade de adhesión ao convenio de colaboración para a promoción da candidatura a entidades públicas e privadas; precisamente,dende Anova consideramos que é vital que na Comisión Mixta de Execución e Seguimento de dito convenio se faga especial esforzo por implicar activamente á sociedade civil, especialmente ás asociacións culturais que loitan pola conservación do patrimonio.
Cremos que o proxecto final da candidatura debe ser elaborado participadamente pola cidadanía da zona da Ribeira Sacra, por iso pedimos que a elaboración por parte de persoas expertas do “informe técnico onde se sinalen os valores naturais e culturais do territorio” conte coa participación de ditas entidades culturais da zona para a súa elaboración.

A implicación da cidadanía e a concienciación pasa tamén polo ensino, pois – como sinalou Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento – “é a tavés do ensino como se pode concienciar ás xeracións futuras da importancia do noso, que debe ser un proceso participativo, con implicación da sociedade civil, de abaixo cara arriba”. Concretamente, poderíanse promover unidades didácticas sobre a RS nos centros de ensino para os distintos niveis, implicando á comunidade educativa. Sen ensinar o que somos non poderemos conseguir que os nenos e nenas de hoxe valoren o patrimonio herdado mañá.

Tamén solicitamos o mantenmento dunha colaboración estreita das entidades promotoras da candidatura co sector vitícola, a través das súas asociacións e da Denominación de Orixe RS, por ser un dos sectores máis implicados na conservación do cultivo de viñedo en bancais, o principal sinal de identidade da Ribeira Sacra.

A implicación da cidadanía, e especialmente de viticulturas e viticultoras, é vital para a viabilidade do proxecto, por cantoexiste descoñecemento e temor sobre o que vai significar a figura Patrimonio da Humanidade e lamentamos que a utilización partidaria que o PP do sur de Lugo fixo desta cuestión esté a contribuír a acrecentar a desconfianza. Toda vez que foi o PP quen permitiu o sobreaproveitamento hidroeléctrico no Miño e no Sil ou as plantacións de especies pirófitas na zona. O patrimonio hai que defendelo non só cando pode dar réditos electorais. Cómpre, pois, unha campaña explicativa sobre o que significa no concreto ser Patrimonio da Humanidade e cómo se vai xestionar dende as administracións.
A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade é tamén unha magnífica oportunidade para adoptar o compromiso por parte de todas as administracións de pular pola distinción do patrimonio inmaterial galego-portuguesa como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Saudamos neste proxecto a colaboración das deputacións provinciais de Lugo e Ourense na promoción da candidatura, pois é a lóxica que se debeu ter seguido dende hai décadas neste territorio que non entende de divisións provinciais, alonxándonos así doutros tempos nos que a rivalidade interprovincial entre administracións manexadas de xeito caciquil orixinou un dos máis graves (e dificilmente resersíbel) atentados ecolóxicos e paisaxísticos da zona, despois dos encoros: a mutilación da fervenza dos Chancís para a construción do embarcadoiro do catamarán do lado de Lugo, escollendo o sitio coa única motivación de non situalo no enclave de acceso natural, que cadraba en fronte do embarcadoiro de Ourense. Esperpéntica historia que é significativa de ata qué niveis de indignidade chegara o tratamento que as administracións concedían ao noso patrimonio natural.

Dende Anova, solicitamos, ademais, ao PP, partido que ostenta nestes momentos o goberno central e o da Xunta, que acometa un plan de inxección económica neste territorio, un plan de desenvolvemento rural, e que poña as medidas para resolver as principais eivas no estado do noso patrimonio en todos os sentidos. A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade debe ir acompañada xa (sen agardar á obtención da distinción) dun plan de conservación e estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra por parte das administracións implicadas(especialmente Xunta e Deputacións). Concretamente, podemos comezar polas seguintes actuacións:



- plan para protexer e dar a coñecer o conxunto de petróglifos do sur de Lugo.

- plan de conservación e divulgación do patrimonio románico.

- musealización do castro de San Vicente (Monforte) cun Obradoiro de Emprego.

- rehabilitación de San Paio de Abeleda e do pazo obispal de Diomondi.

- mellora dos accesos e iluminación da igrexa de Pesqueiras (Chantada).

- restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober).

- plan de conservación da olería tradicional; preservación das barreiras locais das que se usa o barro para a olería de Gundivós.

- plan de recollida da cultura inmaterial dos concellos que conforman a Ribeira Sacra.

- proxecto de arquivo documental de libros e documentación familiar e parroquial.

- catalogación de árbores senlleiras.

- plan coordinado de eliminación de vertedoiros incontrolados.

Anova: asembleas de Chantada, Lemos e Sober.
Galiza, xaneiro de 2014.
 

O PP deita moción contra a reforma do lei do aborto no concello de Sober

No pleno de xaneiro celebrado en Sober o PP deitou unha moción presentada pola oposición contra a reforma da lei do aborto, a cal recibíu o apoio dos catro votos da oposición. No debate da mesma o PP recoñeceu que a súa intención era retroceder en materia de dereitos reproductivos das mulleres ata a lei do ano 1985.



Deste xeito desde Anova pensamos que fica claro que o anteproxecto de lei presentado por Ruíz Gallardón é só un engado para manipular á opinión pública, facéndolle ver que de non aprobarse o seu anteproxecto de lei o mal menor é regresar á devandita lei. Valéndose da falsa idea do consenso de 1985 pretende que o retroceso de 30 anos en materia de dereitos reproductivos non sexa tanto retroceso.

A concelleira de Anova Paula Vázquez Verao propuxo a engádega dun punto á moción, que foi aceptado: Garantir que desde o goberno do Estado se garanta o dereito das mulleres a decidir sobre o propio corpo. 

Imaxe tirada de www.20minutos.es
 


Podes ler máis sobre o anteproxecto de lei do aborto clicando Aquí.

Colaboración de Paula Verao para a publicación quincenal Encomún sobre o recorte de deputados que o Nuñez Feijoo pretende levar a cabo no Hórreo



A proposta do PP de reforma da Lei Electoral galega é unha cortina de fume que cambia todo para que todo siga (case) igual. A intención é reducir a importancia da Cámara de representación cidadá, minguar a representatividade, favorecer á forza máis votada e dificultar a aparición de forzas políticas novas. Esta medida non se xustifica polo “aforro”: reducindo en asesores do Presidente xa se descontaría a eliminación de escanos.

Modificar as regras de xogo democrático unilateralmente só pode ter como intención intentar gañar con leis o que xa se ten perdido na sociedade. Aínda que a nova reforma electoral non variaría substancialmente os resultados electorais obtidos coa actual, pois seguiría sendo igual de inxusta, si faría algo máis difícil o acceso das forzas políticas emerxentes. Ademais, ao reducir o número total de escanos beneficiará á forza máis votada á hora de atribuír os “restos” de votos a escanos, algo que pode ser decisivo en votacións con resultados axustados.

O sistema electoral vixente e a nova reforma do PP non son proporcional. A lei d’Hondt favorece ás forzas máis votadas, hai un fixo de escanos por provincia, teña a poboación que teña cada unha, e existe unha porcentaxe mínima de votos a acadar por circunscrición para poder obter representación (un 5% dende 1992). É dicir, é un sistema pensado para que as forzas minoritarias ou novas non poidan acceder ao Parlamento e usalo como caixa de resonancia das súas demandas e así non estar nas mesmas condicións que os grandes partidos, algo que se agudizaría coa reforma do PP.

Con esta norma, o PP só pretende desviar a atención dos graves problemas que as súas políticas provocan na cidadanía galega: a privatización da Sanidade, a perda de poder adquisitivo, o deterioro do ensino público... Sabendo que a maioría social está cada día máis agredida polas súas actuacións no goberno e que as enquisas no último ano fixeron caer ao PP en intención de voto, tratan de modificar a situación cunha medida tramposa: porque nin aforra nin aumenta representatividade. Pero, faga o que faga, o PP e os poderes financeiros aos que representa teñen perdida a maioría social e as vindeiras eleccións.

O nacionalismo galego debe defender unha lei electoral galega xusta na que Galiza sexa circunscrición única (ou ben cunha representación dos territorios acorde coa demografía), que cada voto valga igual, que o resultado das votacións reflicta con proporcionalidade pura o votado pola xente e que non sexa preciso acadar un mínimo de votos para obter representación.

Nun momento de creba de confianza nas institucións representativas non é tempo de negociacións sobre o número de escanos: hai que reformar de raíz a estrutura xurídico-política do Estado e que as cidadás e cidadáns protagonicemos un proceso constituínte onde elaboremos as nosas leis en base á democracia participativa. A nosa proposta para o pobo galego – plasmada no programa de AGE – é contribuír a un novo proceso constituínte “que recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá, que inclúa o referendo vinculante das leis ou o seu voto electrónico sen restrición de materia algunha” e unha nova “Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.”.  A alternativa do PP é seguir afogando á maioría social e mantendo unha democracia que xa non é nin formal. A nosa alternativa é máis democracia e poder para a xente.


Paula Vázquez Verao é responsábel de Organización de Anova e Portavoz de Anova Sober.