Asemblea de Anova en Monforte: mércores, 26 de xuño.

 
Asemblea de Anova en Monforte.
Mércores 26, ás 20:15 horas en Carude. 

Na Orde do Día, tres puntos:


- Regulamento da asemblea de Lemos.
- Temas municipais. Reforma da Administración.
- Propostas de traballo da asemblea nos vindeiros meses.

Debate sobre o paro e as medidas do PP en materia de emprego e sobre o parque natural no Courel [audio]


Alfonso Piñeiro Díaz intervén, por Anova, no debate Sexta Feira sobre o paro no primeiro trimestre de 2013 e as medidas do PP en materia de emprego. Tamén sobre o plan de valorización económica do Courel e a non aprobación do Parque Natural do Courel P.
Venres, 3 de maio de 2013.

Debate sobre o aborto e a violencia machista: Emma Rodríguez Blanco [audio]


Debate sobre o aborto, a violencia machista e as medidas para mulleres emprendedoras no rural. En Radio Principal Ser Monforte.

Participa por Anova Emma Rodríguez Blanco, con Julia Rodríguez (PP), Paz Abraira (BNG) e Lara Méndez (PSOE).

"Non se pode permitir que "outros" decidan sobre o corpo da muller: é un recorte aos dereitos e liberdades individuais".
"Nin un médico, nin un xuíz nin Gallardón teñen que decidir sobre o dereito a abortar ou non dunha muller. É un dereito".


Avanzamos na construción dunha ferramenta política para o novo ciclo histórico: Paula Verao sobre a asemblea de Anova [audio]


Paula Vázquez Verao fala en Radio Principal Ser Monforte sobre a asemblea de Anova, o día despois.

"A asemblea de Anova foi moi intensa, houbo momentos de tensión, outros emotivos e con moito cariño, e foi reflexo da situación de cambio que estamos a vivir a nivel global: as ferramentas que queremos contruír para ese novo ciclo político non é doado construílas, pero avanzamos."
"Seguimos apostando pola creba democrática, que sexa a sociedade civil quen tome as rendas para crear un novo sistema político que solucione os problemas da xente".
"A idea de fronte ampla incluínte debe seguir vixente, tendo Anova a soberanía para reformulala en cada caso, buscando a máxima amplitude posíbel, sempre tendo claro que o noso obxectivo é a transformación social".
"Unha forza política transformadora non pode depender dos cartos das institucións".

Denunciamos os recortes na atención á drogodependencia

A Unidade de Antención á Drogodependencia de Monforte padece este ano un recorte do 20% dos seus fondos.
As asembleas de Anova do sur de Lugo denuncian os recortes da Xunta na atención á drogodependencia – que afectan á Unidade de Atención á Drogodependencia de Monforte de Lemos – e presentan unha moción nos concellos en defensa dos recursos socio-sanitarios neste eido.
Monforte de Lemos, 16 de maio de 2013. 
A finais dos anos oitenta e inicios dos noventa, debido ao aumento de casos de persoas afectadas polas drogas e á presión e insistencia das “nais contra a droga” e de moitas asociacións e colectivos de todas as partes do País, a Xunta de Galiza tomou cartas no asunto á hora de atender aos milleiros de persoas mozas que xa estaban a padecer os efectos do consumo de drogas e que provocou en moitas vilas do noso país a desaparición de toda unha xeración, como dramaticamente vivimos en Monforte.

A implicación das distintas asociacións de loita contra a droga e do persoal técnico en prevención e de centros asistenciais conseguíu concienciar á cidadanía sobre os riscos que conleva o abuso destas sustancias e, así mesmo, crear un clima de rexeitamento do narcotráfico co obxectivo de conseguir atender dun xeito especializado ás persoas afectadas e crear redes e recursos de apoio ás súas familias e a reinserción das persoas ex-toxicómanas.

A Xunta de Galiza fixera unha aposta decidida poñendo en marcha o Plan de Galicia sobre Drogas que fai que a rede galega pase a ser un modelo non só no estado español senón noutros paises.

A rede de atención a persoas drogodependentes na Galiza está composta por 17 Centros Asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo, con máis de 350 profesionais en toda Galiza que no último ano atenderon a máis de 12.000 persoas drogodependentes.

Na comarca de Lemos existe unha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) sita no Concello de Monforte e que atendeu o ano pasado uns 320 toxicómanos/as dos Concellos da súa área de influenza.

Mais a pesar do traballo realizado polos profesionais deste ámbito con un dos sectores máis débiles da sociedade, estamos a asistir na actualidade a falta de compromiso da Consellería de Sanidade. Non se están a desenvolver as ferramentas lexislativas e de coordinación previstas no propio Plan de atención ás Conductas Adictivas e estanse dando sucesivos recortes no financiamento dos Centros Asistenciais e a eliminación do financiamento dos programas de prevención.

Na UAD de Lemos redúcese o importe da subvención autonómica ao redor dun 20 % , e en toda Galiza redúcese un 15,6 % sobre a cantidade percibida no 2012.

Esta situación vai por na corda floxa a toda a estructura da rede galega de atención ás drogodependencias creando incerteza sobre a continuidade de todos os programas que se están a desenvolver e que non garante, un ano máis, a continuidade das accións no ámbito preventivo.

Na moción que presentamos nos concellos dende Anova-Irmandade Nacionalista, solicitamos o apoio para:

Primeiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que garanta a continuidade e o financiamento dos recursos da rede galega de atención ás drogodependencias durante todo o período de vixencia do Plan de Galicia de atención aos Trastornos Adictivos (2011-2016).

Segundo: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que habilite as partidas orzamentarias eliminadas para o financiamento dos Equipos de Prevención das Drogodependencias dependentes dos Concellos e mancomunidades.

Terceiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a integración dos Centros de Asistencia a drogodependencias na rede sanitaria do SERGAS.

Cuarto: Instar ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a que desenvolvan as ferramentas lexislativas e de coordinación establecidas no Plan Galego de Atención aos Transtornos Adictivos, que se cree una mesa de Coordinación integrada polas Consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar Social, as ONGs e Asociacións que interveñan neste ámbito, os sindicatos e partidos políticos para definir e coordinar a política da Xunta nesta materia.

Cuarto: Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Sanidade, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.


Asembleas de Anova do Sur de Lugo

Parabéns á comunidade educativa do Daviña Rey

Dende Anova felicitamos á comunidade educativa do IES Daviña Rey por conseguir parar os recortes no seu centro, mantendo ESO e o Bach no curso que vén. 

A rápida, calada e eficaz labor da ANPA e a mobilización do alumnado - do que debemos aprender - conseguiron facer retroceder á Xunta. 

Dende Anova estamos satisfeitos porque o interese común deixara fóra os personalismos dos que se fai gala en demasiadas ocasións na política actual.

Anova apoia as mobilizacións contra o peche de ESO e Bach no IES Daviña Rey


Anova apoia a mobilización do alumnado e dos seus pais e nais en contra a retirada da ESO e do Bacharelato do IES Daviña Rey.

O Centro de Ensinanza Secundaria Daviña Rey é un centro público, cunha posición céntrica e que está a realizar unha boa labor pedagóxica. Se a cuestión fose o aforro, a Consellería de Educación debería priorizar os servizos nos centros públicos antes que os concertos de ensino secundario.

A posible decisión de suprimir de golpe, xa para o vindeiro curso, a ESO e o Bacharelato no IES Daviña Rey enmárcase nunha política de desmantelamento do Ensino Público por parte do goberno do PP que, en cambio, mantén os concertos coa privada.


ANOVA – MONFORTE DE LEMOS

Anova felicita á sociedade pola manifestación a prol da área sanitaria


Anova felicita á sociedade das comarcas da zona sur de Lugo pola lección de dignidade amosada na masiva manifestación en defensa da área sanitaria de Monforte.

Rexeitamos os intentos do PP de deslexitimar a mobilización, pois os dereitos só se conseguiron con loita e presión por parte da maioría social. A mobilización do sábado non foi inútil, e o PP de Galiza e do sur de Lugo saben que teñen diante á maioría da sociedade en contra dos plans de xerencia sanitaria integrada en Lugo. Neste sentido, as declaracións a Radio Principal Ser Monforte por parte da voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez, parécennos indignantes, pois califica de “algarada” a mobilización e amosa un descoñecemento da realidade galega, ao dicir que no resto de Galiza non hai mobilizacións en contra da xestión provincial, cando na propia zona da Mariña o xerente - cargo do PPdG - dimitiu en contra deste decreto de xestión provincial e está habendo unha intensa mobilización, así como manifestacións contra a privatización e perda de servizos sanitarios por toda Galiza. Ademais, Julia Rodríguez acusa de manipulación ás persoas e colectivos promotores da mobilización, o que nos parece intolerábel.

A cidadanía non se mobiliza enganada, sabe perfectamente que o modelo sanitario do PP, o dos recortes e a privatización, ensaiado en Valencia e Madrid e iniciado en Galiza: perda da calidade asistencial. No caso da xestión sanitaria provincial, a cidadanía de Monforte e comarcas sabe que este modelo resultou lesivo no hospital do Barco – similar en características ao de Monforte – cando se aplicou na provincia de Ourense o modelo de xestión provincial, tal e como se nos explicou á cidadanía nunhas charlas organizadas pola Plataforma Sanitaria.

Seguiremos apoiando toda mobilización e auto-organización da sociedade no que respecta á defensa da Sanidade Pública e a mellora desta.

Monforte e comarca sae á rúa en defensa do Hospital e da área sanitaria.

Foto de Radio Principal Ser Monforte.
Monforte foi hoxe (16-3-2013) un clamor contra o decreto de xestión sanitaria integrada. A cidadanía dunha das comarcas máis envellecidas de Galiza saíu, de novo, como en 2010, masivamente á rúa amosando o rexeitamento a que o Hospital Comarcal e a súa área sanitaria dependan da xerencia de Lugo. Este sistema de xestión sanitaria provincial amosou, por exemplo, no hospital do Barco, de similares características ao de Monforte, un aumento de listas de espera e perda de servizos. Recortes á maioría social e privatización dos bens públicos como a Sanidade para beneficio dos poucos, esa é a política do PP de Galiza. Monforte e comarca volven dicir NON aos plans de Feijóo. En 2010, a mobilización conseguiu parar o decreto de xestión provincial e Feijóo prometera que Monforte ía a seguir sendo área sanitaria. Agora, o Presidente decide se sigue cos plans de integración e falta á súa palabra ou se, por unha vez, escoita á cidadanía.

Contra o Decreto de Xestión Integrada: Monforte, área sanitaria.


Monforte de Lemos, 25 de febreiro de 2013. A creación do hospital comarcal de Monforte, hai 26 anos, coincidindo coa creación da área sanitaria acollida ao mapa sanitario galego, supuxo unha mellora sustancial da atención sanitaria da comarca, beneficiándose unhas 60.000 persoas e 11 concellos, a maior parte deles cunha taxa de envellecemento e de dispersión das máis altas de Galiza.
Desde que a mediados do ano 2010 a Conselleria de sanidade anunciase a elaboración do xa Decreto de Xestión Integrada, a preocupación na comarca foi evidente, tanto para moitas organizacións políticas, sindicais, de profesionais da sanidade e cidadáns que se deron conta de que este decreto vai suponer unha merma na calidade e nos servizos sanitarios dos que agora desfrutamos.
Unha xerencia ubicada na cidade de Lugo, como pretende o decreto, siñifica:
1.- Unha dificultade para o acceso á mesma tanto pola distancia como polo descoñecemento de moitos problemas e eivas cotiás que xurden nos centros da actual área sanitaria.
2.- Unha disminución nos investimentos previstos, tanto nos centros de saúde como no propio hospital, xa o estamos a ver, a cantidade orzamentada polo Goberno da Xunta para este ano 2013 no hospital en inversión directa ascende a pouco máis de 17.000 euros. [Alternativa Galega de Esquerda presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2013 para aumentar esta partida ata os 60.000 €].
3.- Se falta persoal sanitario no Hospital de Lugo poderá optarse por persoal do hospital de Monforte polo que este déficit ocasionará un aumento das listas de espera, a dereivación de pacientes a Lugo, producindo perda de servizos e polo tanto o seu lento desmantelamento.
Se este decreto se pon en marcha na provincia de Lugo, non é máis que outro incumprimento do Goberno Galego encabezado por Feijóo que nesta ocasión vai moito máis alá, xa que empeñou a súa palabra cando prometu que Monforte non se ía a ver afectado por dito decreto. Anova Irmandade Nacionalista sorprenderíase se Feijóo cumplise a palabra dada, pois tamén ía rematar co paro en 45 días.
Anova quere, en primeiro lugar, amosar o seu apoio á cidadanía en todas aquelas mobilizacións, reclamacións e reivindicacións que se vaian levar a cabo para evitar o desmantelamento dos servizos sanitarios públicos comarcais así como amosar o apoio á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en todas as iniciativas, actividades e actos relacionados con dito problema.
ANOVA - LUGO-SUR