Apoio á ILP a prol da Sanidade Pública, promovida por SOS Sanidade Pública.


Anova – Irmandade Nacionalista apoia a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública para deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública Galega (impulsada polo o actual Goberno Galego), para garantir o dereito constitucional á nosa saúde.

A Proposición de Lei, que se debate mañá, 18 de decembro, no Parlamento galego pretende a xestión pública directa dos centros sanitarios, a potenciación da Atención Primaria e a promoción da saúde como alternativa á crise e as áreas sanitarias como espazo para a planificación e a xestión dos recursos. 

Dende as asembleas de Anova do sur de Lugo apoiamos a ILP de SOS Sanidade Pública e a concentración cidadá diante diante do Parlamento (mañá ás 10 horas) para amosaer o apoio social á mesma.

Puntos da ILP:

1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á Saúde de todos os galegos.
2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galiza.
3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente.
4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.

ANOVA – SUR DE LUGO

Concentración en defensa dos postos de traballo no Parador de Monforte.

Anova do Sur de Lugo unímonos á protesta, xunto co deputado por Lugo de Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez Díaz.

A concentración tivo lugar diante do Parador de Turismo de Monforte, pola defensa dos postos de traballo e contra o ERE que a empresa, Paradores do Estado, ten previsto aplicar nos establecementos de todo o Estado. 

O ERE anunciado prevé despedimentos, peche de instalacións e reducións horarias, como o caso de Monforte, no que se pretende pechar o parador durante 7 meses ao ano.

Dende Anova, consideramos que este é un golpe para o sector turístico dunha comarca economicamente deprimida e apoiamos a loita de traballadores e traballadoras do Parador de Monforte. 


A xornada de protesta enmárcase dentro do calendario de mobilizacións previsto en toda a rede de Paradores do Estado, que inclúe dúas xornadas de folga e concentracións en todo pais nos días de hoxe e maña día 8 de Decembro.

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda defende a viabilidade dos Paradores e o seu carácter Público, considerando o ERE unha manobra máis para a privatización de todos os bens públicos do Estado.

Paradores despide traballador@s e pecha paradores.

O Parador de Monforte verase afectado pola medida

 
O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación sobre o previsto peche dos paradores de Ferrol e Verín e o peche parcial dos de Santo Estevo, Tui, Monforte e Vilaba, así coma os despedimentos de traballadores e traballadoras nos de Baiona, Cambados, Pontevedra e Compostela, o que supón un novo golpe ao emprego e a dinamización económica de áreas significativas de Galiza que xa se atopan inmersas en moi graves dificultades económicas.

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta de Galiza que asuma unha posición de defensa dos postos de traballo e dos nosos intereses sociais e económicos. Por iso, presentouse unha interpelación na que se pide a valoración da Xunta diante deste anuncio e información sobre o coñecemento previo que tiña dos peches e despedimentos anunciados, así como saber cales son as medidas que pensa adoptar o goberno da Xunta de Galiza en orde de evitar a destrución de postos de traballo e as subseguintes perdas económicas que se seguen no ámbito económico.

Anova propón aos concellos crear regulamentos de axudas de emerxencia social.

Anova do Sur de Lugo propón aos concellos a creación de regulamentos de axudas de emerxencia social. 
Trátase de dar resposta dende os concellos, a administración máis próxima á cidadanía, á grave situación social que vivimos.

Tomado de: ytumas.wordpress.com
En Galiza estanse a producir uns 17 desafiuzamentos ao día, un drama, o das execucións hipotecarias, con responsabilidades políticas: as administracións públicas desenvolveron unha lexislación que só promoveu o acceso á vivenda en réxime de propiedade, marxinando outros xeitos de acceso á vivenda como o aluguer ou a desgravación fiscal por compra. Engadindo a inestabilidade e inseguridade dos inquilinos ante a lei de arrendamentos urbáns, a desregularización do mercado hipotecario que permite hipotecas a 50 anos, a inexistencia dun parque público de alugueiro e a falla de control e restricción sobre o crédito, empurrou a milleiros de persoas a endebedarse.


Se a este problema dos desafiuzamentos lle engadimos outras medidas adoptadas pola Xunta de Galiza, como son, a redución severa dos orzamentos sanitarios, a concesión da xestión sanitaria a mans privadas, unha imposición de copagamentos, a externalización progresiva de diversos servizos e actividades, ou as restricións no acceso aos servizos sanitarios, o problema para a cidadanía agrávase poñendo en risco o seu futuro: estamos nun momento de involución social e con numerosos colectivos sociais en risco de exclusión.



A proximidade da Administración local coa cidadanía obriga aos servizos sociais comunitarios a tentar dar unha resposta o máis rápida e eficaz posíbel para resolver situacións carenciais que é necesario cubrir.



Por esta razón, Anova do Sur de Lugo, propón nos Concellos aumentar a cobertura social coa elaboración de regulamentos de emerxencia social, que inclúan medidas relacionadas cos problemas de uso e mantemento da vivenda, tales como o aloxamento temporal ante emerxencias ou sinistros, desfiuzamentos e situacións familiares moi graves, así como a cobertura dos gastos sanitarios cando a situación o requira. Tamén, asesoramento legal aos afectados, programas de mediación cos bancos para renegociar hipotecas ou alugueiros sociais, ademáis de que o Concello retire os depósitos e créditos de bancos que desahucien a persoas negando dende o goberno municipal a colaboración da policía local nos procesos de desahucios das familias do Concello.



En Monforte, onde Anova apoia as iniciativas contra os desafiuzamentos que as forzas políticas están a impulsar, a moción será remitida a todos os grupos da corporación municipal.

Moción Emerxencia Social_

Anova apoia a folga xeral do 14N: paramos para paralos!



Anova-Irmandade Nacionalista apoia a convocatoria de folga xeral para o día 14 de novembro e participará activamente nas mobilizacións.

Anova do sur de Lugo participará na manifestación de Monforte, que sae ás 19:30 horas da praza de España, e anima a toda a cidadanía a manifestarse contra os recurtes en sanidade e educación, contra os desafiuzamentos e contra o sometemento dos estados aos ditados dos mercados, que empobrecen á maioría social. A xornada de folga é extensiva a toda Europa, porque outra Europa é posíbel, unha Europa social e dos pobos.

Anova-Irmandade Nacionalista
Sur de Lugo

asembleadelemos@gmail.com

Contra a suba das taxas xudiciais.


Anova-Irmandade Nacionalista rexeita a suba das taxas xudiciais, que supoñen que a Xustiza deixe de ser universal, excluíndo dela a quen non pode afrontar o seu custo.

Anova do Sur de Lugo participou na concentración contra as taxas xudiciais que tivo lugar o 9 de novembro en Monforte, diante dos xulgados, contra as taxas xudiciais.

Emma Rodríguez Blanco, voceira de Anova-Lemos.

Comunicado de Anova sobre as eleccións.

Anova valora como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido, como di o seu programa, na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Reunida hoxe en Santiago de Compostela a Coordinadora Nacional de ANOVA para avaliar o proceso electoral e os resultados das Eleccións Autonómicas do 21 de Outubro, acordou facer público o que segue:

1. Agradecer á cidadanía galega o seu apoio masivo, a ilusión e a confianza depositada na coalición Alternativa Galega de Esquerda, que se configura así como oposición xenuína ao desgoberno do PP.

2. Felicitar publicamente a Xosé Manuel Beiras polo seu magnífico labor de campaña desenvolvido e por saber representar e concitar co seu discurso os anceios de rebeldía dunha parte moi importante da cidadanía.

3. Facer mención expresa do labor realizado pola militancia de ANOVA e do conxunto de simpatizantes que colaboraron voluntariamente en levar a bo porto esta campaña, salientado a magnífica actividade dos mesmos nas redes sociais.

4. Valorar como excelentes o resultado electoral da nosa coalición malia que o descenso de máis de 500.000 votos das tres forzas presentes até agora no Parlamento Galego deu a maioría ao PP aparentando en escanos un avanzo que non tivo na sociedade.

5. Valorar como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido como di o seu programa na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Noutra orde de cousas, acordouse tamén a posta en marcha do traballo de consolidación e organización de ANOVA acordado na súa asemblea constituínte do 14 de xullo, e adiado pola convocatoria electoral, que deberá estar rematado no mes de xaneiro e como estaba previsto desembocará nunha Asemblea Nacional da nova organización nacionalista de esquerda.

A Coordinadora Nacional acordou tamén neste encontro apoiar a folga xeral do vindeiro 14 de novembro.

Por último, ANOVA quere felicitar e solidarizarse co Fiscal Xeral de Galiza, o señor Varela, polas súas declaracións nas que criticou os recortes sociais e denunciou a blindaxe dos mercados e a actitude dos gobernos que priorizan o "mundo dos negocios" fronte as persoas.

Galiza a 27 de outubro de 2012