Descenso de afiliacións á Seguridade Social, paro e perda de poboción: os "éxitos" de Nadal de Feijóo


No mes de decembro o paro rexistrado so aumenta en tres comunidades autónomas, entre elas Galicia. O descenso interanual do que está a alardear o goberno galego no noso país é inferior ao que está a experimentar o resto do stado onde a taxa e do -3,04 por cento mentres que en Galicia é do -2,77 por cento.

Pero, ademais, o descenso de persoas afiliadas na Seguridade Social é maior que o aumento do paro rexistrado, xa que son moitas a persoas desempregadas que non se rexistran nas oficinas de emprego dada a súa inutilidade e polo propio desánimo e desesperación que está a padecer a cidadanía.

O problema do desemprego segue a ser un drama no noso país para o que é preciso impulsar políticas urxentes e abandonar a liña publicitaria e mentireira que mantén o goberno de Alberto Núñez Feijóo que coa súa inacción e a súa constante manipulación dos datos non só demostra unha total falla de interese polo drama do paro e a sangrante perda de poboación, con máis de 15.500 persoas menos segundo os últimos datos publicados, senón que deixa en evidencia a incapacidade do seu goberno para facer fronte aos problemas reais da cidadanía do noso país.

Detrás das cifras, milleiros de dramas persoais.

Entrevista a Luis Eyré en Radio San Borondón (Canarias): "O proxecto de unidade da esquerda é un obxectivo irrenunciábel para Anova"

 

"A fórmula para tirar abaixo o réxime da Segunda Restauración Borbónica é a unidade de acción en torno a obxectivos concretos", afirmou Luis Eyré nunha entrevista realizada pola canaria Radio San Borondón encol da proposta de fronte ampla que Anova realizou para as eleccións europeas.

Nunha situación de descrédito da política - cultivado polo neofascismo, que xa está aí: reforma do código penal, recortes sociais... - cómpre que a cidadanía verifique que é posíbel ir camiñando cara unha ruptura democrática do réxime, impulsada pola propia cidadanía. As europeas son unha oportunidade de ensaio dese escenario, que cómpre artellar cos movementos cívico-políticos e dende as organizacións con credibilidade neste contexto de podremia da arquitectura xurídico-política do Estado Español. Así, "o esencial das europeas é que se vaian configurando polos de unidade para rematar dunha vez co réxime"

Cómpre rachar coa troika, e xa que Europa é a Europa dos Estados, a ruptura debe vir dos estados da periferia oprimida, así como de sectores da esquerda dos estados do centro. "Somos a maioría da poboación", cómpre unha alternativa das cidadás e dos cidadáns e das nacións.
A Anova correspóndelle intentar esa unidade de acción en Galiza. Euskadi e Catalunya están en procesos máis avanzados, e no resto do Estado cómpre que sexan os movementos sociais e as organizacións rupturistas quen impulsen o proceso.

Luis Eyré amosouse prudente ante as dificultades para a unidade ampla de toda a esquerda estatal, pero cun punto optimista na medida en que "a proposta de de Anova aínda non recibiu negativa rotunda de ninguén".

Cun programa de mínimos, é posíbel a unidade. Debemos pular por procesos constituíntes nas nacións que den lugar a un marco xurídico-político radicalmente democrático, onde as organizacións políticas non sexan cautivas do capital financeiro e dos oligopolios, onde se recoñeza o dereito á autodeterminación dos pobos. "O primeiro obxectivo é unha auditoría da débeda pública, para eliminar o pago da débeda ilexítima. O segundo, a derrogación inmediata das reformas laborais realizadas dende inicios dos 90. O terceiro, a activación inicial da demanda interna, co estabelecemento dun salario mínimo e dunha renda básica. O cuarto, o estabelecemento dun poder xudicial e unhas normas xudiciais que ataquen á corrupción estrutural, na que se persiga tamén aos corruptores."

Estamos vivindo unha situación análoga á vivida polos países de de Latinoamérica nos 80 e 90: o primeiro obxectivo é parar eso, parar o feito de que os gobernos son monecos de ventrílocuo da plutocracia. O primeiro é que "hai que paralos".

* Enlace aquí.

Asemblea aberta conxunta: Lemos, Chantada e Quiroga

Moito que poñer en común entre as comarcas de Lemos e Chantada, problemas comúns que afectan a todo este territorio e proxectos para pular pola súa solución.
A reforma das pensións, a declaración de patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, a reivindicación da ANPA do Infanta Elena, a fronte ampla para as europeas...

Este mércores, asemblea das asembleas de Lemos, Sober e Chantada en Monforte, ás 20 h en Carude.

Anímate e participa! Contacta connosco.

asembleadelemos@gmail.com

Anova apoia as mobilizacións pola sanidade pública do 9 e 10 de decembro e fai un chamamento á cidadanía para manifestarse en apoio a estas


As asembleas de Anova do sur de Lugo (Lemos – Chantada – Sober) apoian a mobilización das traballadoras e traballadores sanitarios contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública galega e fan un chamamento á cidadanía da área comarcal de Monforte a manifestarse o martes, día 10 de decembro, ás 20 horas na praza de España de Monforte.
Ademais, Alfonso Piñeiro Díaz, voceiro do Grupo Municipal Nacionalista de Chantada, presenta hoxe no pleno unha moción de urxencia solicitando o apoio da corporación municipal a estas mobilizacións.
Apoiamos a literalidade do manifesto de SOS Sanidade Pública a prol da mobilización do 9 e 10 de decembro pola sanidade pública galega:
A Xunta de Galicia está desmantelando e privatizando os servizos sanitarios públicos, repartindo as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras
Chegou o momento de articular unha grande alianza entre poboación e traballadores/as da sanidade en defensa dunha sanidade pública de calidade e por recuperar o dereito a unha sanidade pública universal accesible e de calidade.
Se os/as afectados/as, que somos a maioría social e profesional, non reaccionamos de xeito urxente, deica pouco o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversible, xa que a Xunta transformaría os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria.”

Reclamamos unha alternativa para os mozos e mozas con necesidades educativas especiais ao rematar o período de escolaridade na comarca de Monforte


Onte acompañamos ao deputado Ramón Vázquez nunha xuntanza con pais e nais da ANPA do CEE Infanta Elena, na que aprendimos moito de xente con tanta dignidade que loita por algo xusto: que os mozos e mozas  conten, ao saír do centro Infanta Elena con alternativas para continuar avanzando na súa inserción laboral e social.

Anova do sur de Lugo apoia as reivindicacións dos pais e nais do colexio de educación especial Infanta Elena de Monforte e poñémonos a disposición da ANPA no que poidamos colaborar. Toda a sociedade debe implicarse nesta reivindicación.

AGE reclama unha alternativa para os mozos e mozas con necesidades educativas especiais ao rematar o período de escolaridade na comarca de Monforte

* O deputado Ramón Vázquez mantivo unha xuntanza coa ANPA do CEE Infanta Elena na que se puxo de manifesto os problemas aos que se enfrontan as familias ao non dispor de ningunha alternativa que permita aos seus fillos e fillas avanzar na súa inserción social e laboral 

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Ramón Vázquez, amosou o apoio do seu grupo parlamentar as demandas da ANPA do colexio de educación especial Infanta Elena de Monforte durante o encontro que tivo lugar onte e no que se puxeron de manifesto os problemas aos que se enfrontan as familias destes rapaces e rapazas unha vez remata o seu período de escolarización aos 21 anos ao non contar con ningunha alternativa para continuar avanzando na inserción social e laboral dos seus fillos e fillas.

Alternativa Galega de Esquerda únese así as demandas dos pais e nais deste centro que reclaman que a Xunta de Galicia asegure a inserción social e laboral destes mozos e mozas nesta comarca creando un centro de continuidade, centro de día, talleres ocupacionais, obradoiros de emprego ou calquera outra solución que ofreza unha alternativa ao illamento das persoas con necesidades educativas especiais nos seus fogares ante a falta de saídas. 

Contra a indecencia dunha sentenza: NUNCA MÁIS!


Anova apoia as concentracións convocadas pola Plataforma Nunca Máis contra a sentenza do Prestige.
En Monforte, a concentración será mañá, ás 21 horas, na praza de España.

O ensino público a debate: charla-coloquio en Monforte: 7 de novembro

Anova quere contribuír ao debate sobre o ensino público:
- que está a pasar coa privatización?
- que atoparemos as mozas e mozos ao chegar á Universidade?
- está en perigo o modelo público de ensino?

Destas e doutras cuestións falaremos con dous representantes de dúas facetas da comunidade educativa: ensinante e alumno.

Acompañarannos Xosé Manuel Castro González, mestre de Filosofía e Historia no ensino medio, e Xosé Miguel Diéguez Rodríguez, estudante membro da Delegación de Alumn@s de Ciencias Xurídicas da UVIGO.

O debate será o xoves ás 20:15 h en Monforte, na Casa da Cultura.

Vivir no "país ribeirao": oportunidades e desafíos. Xornada práctica en SOBER



O vindeiro 10 de novembro teremos unha xornada práctica - compartida coa Mocidade de Anova - en torno ás oportunidades e desafíos que ten o noso rural.
Olería, viticultura, turismo, produtos tradicionais... 
Os obxectivos son coñecer as condicións de produción e a etnografía de produtos típicos do mundo ribeirao do interior galego e ver oportunidades de emprego da xente moza no rural a partires destes produtos, do cultivo ecolóxico e do turismo sostíbel.
Tamén coñecer algo máis o “país ribeirao”, como ámbito cultural ligado ao río Sil, ao cultivo do viñedo e á castaña nas zonas máis altas.
Pretendemos ademais irmanar zonas interiores do País (Terra de Lemos, Caldelas, Trives) con características socioeconómicas similares: baixa natalidade, poboación envellecida, baixos ingresos, o trauma do encoro... 
Ampliaremos información estes días.
Na xornada haberá un xantar, polo que cómpre apuntarse antes do 7 de novembro.
O prezo da xornada son 4 €.

Anova apoia as manifestacións contra a LOMCE


Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento.
Lembramos que para ANOVA a LOMCE (Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa) supón unha regresión de décadas no ensino público: unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Esta aberración en forma de lei, elaborada sen consenso coa comunidade educativa, supón:
  • Desmantelamento do ensino público de calidade mediante un proceso de mercantilización do mesmo.
  • Segregación do alumnado, comezando pola segregación económica que supón a non gratuidade do ensino infantil, e a segregación sexista, por permitir os concertos educativos con centros que segregan por sexo. A posibilidade de “dereito de admisión” dos centros educativos, coa chamada “liberdade de elección de centro”, creará centos de primeira e de segunda en canto a recursos e calidade do ensino, fomentando ademais o ensino privado.
  • Modelo competitivo, coa reintrodución das reválidas, que a partir de 6º serán realizadas por “especialistas externos ao centro”, o que fomenta a privatización do ensino.
  • Eliminación da democracia na organización da comunidade educativa, transferindo competencias do Consello Escolar – que ficaría agora cun mero carácter consultivo – á Dirección.
  • En lugar de traballar contra as causas do fracaso escolar, créanse rutas de saída disimulada das mozas e mozos “fracasadas” do sistema con vías como a da “FP básica”.
  • Elitización do ensino superior, con maiores trabas para o acceso a este, tanto académicas coma económicas (suba de taxas…).
  • Españolización –reducindo a carga lectiva do galego, que non é troncal, como é o castelán ou o inglés– e centralismo.
  • Adoutrinamento reaccionario. Relixión como materia máis importante en rango que o galego e a filosofía e eliminación de materias que fomentan o pensamento crítico (Ciencias do Mundo Contemporáneo, Educación para a Cidadanía…).
  • Intento de introducir “coñecementos financeiros” no ensino, conforme a unha estratexia deseñada pola OCDE.
O deterioro do ensino público enmárcase nun proceso xeral de desmantelamento do “Estado do Benestar” e privatización dos bens e servizos públicos que arranca nos anos 70, proceso hoxe agravado coa aplicvación desta lei.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.
Paremos a LOMCE! Paremos a expulsión das maiorías sociais do sistema educativo público!

Contra a suba do canon de Sogama

A Xunta planea subir o recibo do lixo, aumentando o canon que Sogama cobra aos concellos nun 40% .
O aumento supón 14 millóns de euros máis para Sogama e unha maior carga tributaria para a cidadanía galega. 
O Partido Popular ten previsto no proxecto de lei de Orzamentos para o 2014 unha suba do canon de tratamento do lixo na planta de Sogama dos actuais 55,91 euros/tm a 74,64 euros/tm, o que supón un incremento dun 40 por cento, que se trasladará ao consumidor no recibo do lixo e, por tanto, unha maior carga tributaria para a cidadanía.
[Moción de urxencia en Chantada contra a suba do canon de Sogama.]
A xunta de Galicia está a preparar un novo golpe aos petos da cidadanía, unha vez máis coa escusa da crise. Os cambios do regulamento do sector eléctrico van facer que SOGAMA vexa mermados nuns 13 millóns de euros os ingresos pola venda de enerxía que se xenera coa incineración de residuos.
Para tratar de apaliar esta merma a Xunta estuda aprobar unha suba do canon que esta sociedade privada lles cobra aos concellos o que vai supoñer que encareza aínda máis o recibo do lixo, este aumento pódese cifrar nunha suba duns 12 euros por familia. Unha cantidade que non a decidimos nós, son cálculos da propia Conselleria de Medio Ambiente e de SOGAMA. Se a sociedade ingresa uns 54 millóns ao ano por enerxía, e esta facturación baixa 13 millóns por mor dos recortes no sector enerxético, o canon terá que subir un 26 % como mínimo.
O presidente da Xunta xa confirmou estes datos porque os planos que manexa a empresa pasan por aumentar a fonte de ingresos máis doada, a que pagamos a cidadanía a través do canon, así compénsase o que deixa de ingresar polo negocio eléctrico.
Un novo ataque aos ás xentes do común, que vemos como segimos a ser os “paganos” dunha crise que nin provocamos nin nos enriquecemos con ela, como fan outros.
Non toca agora analizar polo miúdo o complexo mundo de Sogama. Están de actualidade as denuncias de contratos millonarios irregulares, despedimentos por falseamento de datos, vertidos tóxicos ao río Lengülle, ademais da pobre capacidade recicladora da planta e as emisións de substancias perigosas á atmósfera derivadas da incineración, ao que hai que sumarlle o escándalo na xestión dos residuos farmacéuticos do punto Singre, o que nos converteu durante máis de seis anos no vertedoiro ilegal de todo o Estado Español.
En setembro do ano 2012, hai escasamente 6 meses, a Xunta de Galicia, a través do seu Conselleiro de Medio Ambiente, Sr. Hernández, declarou, e hai hemeroteca dabondo donde comprobalo, que “A Xunta non se plantexa encarecer o canon, e menos no escenario actual. O sistema é sostible e viable financieramente”, e aquí é donde entran as dúbidas... nun escenario de crise para que non sufra a cidadanía ou pola proximidade das eleccións autonómicas, lembremos que se celebraron un mes despois, en outubro de 2012. Pois ben, non hai moitos días, a mediados do mes de marzo, o mesmo conselleiro, Sr. Hernández. di que “O momento é malo, pero o futuro de Sogama pasa por subir o canon. En seis meses! Que pasou? Ah si: cambiou o escenario... Xa non hai eleccións. Esta é unha nova “falta de respecto” do PP á cidadanía antes e despois dunas eleccións.
Que vai pasar.... as contas son doadas de botar, Canto paga cada fogar pola recollida do lixo? Se a esa cantidade se lle engade un aumento previsto do canon de ata un 40%... A canto ascende o novo recibo pola recollida do lixo?