Grupo nacionalista de Chantada contra a reforma da Administración Local e a perda de servizos dos concellos

"A autonomía municipal é o poder da cidadanía. Coa supresión das Deputacións e do Senado habería moitos máis fondos para dotar de cartos aos concellos, que son as administracións máis próximas á cidadanía."

O paso da "Vuelta" por Sober




Cando, supostamente, non hai fondos para gastos sociais nin para a promoción do deporte e a cultura galega, nin para a investigación e o ensino público, as distintas administracións gastaron cartos – non sabemos aínda exactamente cantos – para que a Vuelta pasara por Galiza.

Parécenos interesante que a xente afecionada ao ciclismo poida desfrutar de ver aos ciclistas de perto, pero a cuestión é que, en moitos casos, carecemos de infraestruturas deportivas adecuadas, non hai fondos para o deporte de base e deixouse morrer o proxecto de equipo ciclista profesional galego.
Non tería sido mellor empregar eses fondos do paso da “Vuelta” por Galiza en promoción real do deporte galego e das súas seleccións?

En Sober, no pleno no que falamos sobre o paso da “Vuelta” polo territorio do noso municipio – dende onde sae unha das etapas – pedimos que se aproveitara o evento para facer unha promoción turística seria da zona, mais nin sequera se reuniu a comisión de Turismo. Sí destacamos como positivo as actividades deportivas que se promocionaron con motivo da Vuelta, ese debe ser o camiño o seguir: a promoción real do deporte.

Tempo haberá para valorar os distintos aspectos do paso da Vuelta por Sober. Hoxe, 28 de agosto, será un día para que as persoas amantes do deporte desfruten do ciclismo profesional, mais tamén é día para non esquecer os recortes de fondos públicos en servizos básicos, a falta de apoio ao deporte por parte das distintas administracións, o desastre dos lumes en Galiza, a situación de Siria, a desesperación de millerios de familias que non poden chegar a fin de mes... E tampouco esquecemos os deliberados esforzos de españolización do noso País.


Unha xornada reivindicativa da nación en Monforte

Na celebración do Día da Patria en Monforte: calor, rúas desertas, gran ambiente e inicio do que queremos que sexa tradición, un día da patria en Monforte con actividades participativas e onde, como dixo Xosé Lois García na lectura do "pregón" deste ano, "non falemos de siglas, senón de proxecto, de resolver oas problemas da cidadanía". Comezamos!
Deixámosvos a ligazón ao fermoso discurso que nos adicou Xosé Lois García.
Ademais, Diego Taboada leunos un artigo, Paula Vázquez Verao un poema e a música puxérona Os Parentes.


Festa do Día de Galiza en Monforte: o 21 de xullo, para todas e todos.

Lembrade anotarvos á Festa do Día da Patria en Monforte. Facede as reservas do xantar en asembleadelemos@gmail.com antes do xoves.

Teremos música e intervencións cívico-políticas, pechadas este ano polo escritor e historiador chantadino Xosé Lois García.

Festa do Día da Patria en Monforte o 21 de xullo


O Día de Galicia son todos”, Lesta Meis.
A festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos”, Castelao.


Galiza vive momentos de excepción, coa perda de conexións ferroviarias, a privatización da Sanidade pública, o deterioro do ensino no rural, a caída do sector naval, a ruína do sector leiteiro, a extinción das caixas de aforro e a estafa das preferentes... Familias enteiras malvivindo no paro ou dependendo de pensións ridículas ou salarios de miseria mentres sobe o prezo dos produtos básicos, cuns impostos que cargan sobre quen menos ten mentres os defraudadores – ata na propia Familia Real - campan ás súas anchas. Cun goberno que recorta no básico para pagar a débeda ilexítima contraida cos “mercados”.

A nosa comarca de Lemos esmorece sen oportunidades de emprego para a xente moza, sendo este un territorio fértil para os cultivos e fermoso para vivir e visitar.

A única saída é ou a emigración - e eses camiños son transitados por milleiros de xentes mozas – ou que tomemos conciencia da forza do pobo para transformar as cousas.

Dende Anova, seguimos crendo que o chamado de frente ampla que lanzamos o ano pasado polo 25 de xullo segue máis vixente ca nunca; unha fronte ampla contra a barbarie do poder, unha unidade de acción das forzas sociais e políticas, da cidadanía revoltada, contra todo o que nos esmaga, o que non é apenas un reto electoral, senón que se fai día a día entre as xentes “boas e xenerosas”, entre o 90% da sociedade esmagada.

É por iso que dende Anova de Lemos facemos un chamamento á cidadanía que sinta que Galiza ten dereito a decidir o seu futuro nun mundo xusto de pobos libres, a quen sinta que temos dereito a ser felices na nosa Terra, a unha celebración do Día da Patria no que o protagonista sexa o pobo, un pobo consciente de ser nación, e non apenas as expresións políticas do nacionalismo.

Dende Anova de Lemos, queremos contribuír a este obxectivo comezando a organizar para o domingo, 21 de xullo, unha festa do Día da Patria en Monforte de Lemos, aberta a quen desexe participar e colaborar na súa organización. Unha festa onde a protagonista sexa a cultura, os conflictos sociais abertos en Galiza, a música... en definitiva: o pobo soberano.

Unha das actividades será un xantar popular, para o cal hai que anotarse antes do 19 de xullo.

Tanto para colaborar na organización da festa como para anotarse ao xantar, cómpre enviar un correo a asembleadelemos@gmail.com ou chamar aos teléfonos 647576723 // 674473695

Saúde e Terra!

Asemblea de Anova en Monforte: mércores, 26 de xuño.

 
Asemblea de Anova en Monforte.
Mércores 26, ás 20:15 horas en Carude. 

Na Orde do Día, tres puntos:


- Regulamento da asemblea de Lemos.
- Temas municipais. Reforma da Administración.
- Propostas de traballo da asemblea nos vindeiros meses.

Debate sobre o paro e as medidas do PP en materia de emprego e sobre o parque natural no Courel [audio]


Alfonso Piñeiro Díaz intervén, por Anova, no debate Sexta Feira sobre o paro no primeiro trimestre de 2013 e as medidas do PP en materia de emprego. Tamén sobre o plan de valorización económica do Courel e a non aprobación do Parque Natural do Courel P.
Venres, 3 de maio de 2013.

Debate sobre o aborto e a violencia machista: Emma Rodríguez Blanco [audio]


Debate sobre o aborto, a violencia machista e as medidas para mulleres emprendedoras no rural. En Radio Principal Ser Monforte.

Participa por Anova Emma Rodríguez Blanco, con Julia Rodríguez (PP), Paz Abraira (BNG) e Lara Méndez (PSOE).

"Non se pode permitir que "outros" decidan sobre o corpo da muller: é un recorte aos dereitos e liberdades individuais".
"Nin un médico, nin un xuíz nin Gallardón teñen que decidir sobre o dereito a abortar ou non dunha muller. É un dereito".


Avanzamos na construción dunha ferramenta política para o novo ciclo histórico: Paula Verao sobre a asemblea de Anova [audio]


Paula Vázquez Verao fala en Radio Principal Ser Monforte sobre a asemblea de Anova, o día despois.

"A asemblea de Anova foi moi intensa, houbo momentos de tensión, outros emotivos e con moito cariño, e foi reflexo da situación de cambio que estamos a vivir a nivel global: as ferramentas que queremos contruír para ese novo ciclo político non é doado construílas, pero avanzamos."
"Seguimos apostando pola creba democrática, que sexa a sociedade civil quen tome as rendas para crear un novo sistema político que solucione os problemas da xente".
"A idea de fronte ampla incluínte debe seguir vixente, tendo Anova a soberanía para reformulala en cada caso, buscando a máxima amplitude posíbel, sempre tendo claro que o noso obxectivo é a transformación social".
"Unha forza política transformadora non pode depender dos cartos das institucións".