Os Orzamentos Xerais para 2015: servir aos ricos e destruír o estado do benestar




Son os Orzamentos do continuísmo. Non son uns orzamentos da “consolidación”, son uns orzamentos que continúan coa mal chamada austeridade. A recuperación só é para os de sempre: as grandes empresas siguen obtendo máis beneficios; a cambio, os salarios e as prestacións por desemprego non permiten vivir dignamente á maioría da poboación.

O tope de déficit estabelecido para as Comunidade Autónomas, que xestionan Sanidade e Ensino, é un corsé que impide priorizar o gasto social, algo necesario nestes tempos de enorme desigualdade social.

- Conxelación do gasto social. Apenas medra 0.7% respecto ao ano pasado, ao contrario do que require a gravísima situación social. Requeriríanse uns Orzamentos que priorizaran o benestar da poboación, que está a sufrir as consecuencias da crise.
O Estado Español, malia a propaganda do goberno, ten un baixo nivel de gasto social con respecto á media europea.

- Caída do gasto en prestacións por desemprego nun 15%. Son 4.426,76 millóns de euros menos.
Basan esta reducción nunha previsión de caída de desemprego, pero o feito é que cae a partida porque un gran continxente de parados/as de longa duración esgotan a protección por desemprego para pasar a percibir a Renta Activa de Inserción, que é máis baixa e non permite vivir dignamente.

- Crecemento ridículo das pensións: só un 0.25% (supón ao mes, por exemplo, para a pensión media de Galiza, só 1,75 euros máis ao mes). Fronte ao maior custo da vida (luz, gas, etc) é ridículo e mesmo insultante que as pensións suban apenas 2 euros ao mes. Nin para pipas! As pensións siguen sendo de miseria, e as de Galiza, as máis baixas do Estado.

- En Ensino medra a partida para aplicar a vergoñenta Lei Wert mentras o destinado para becas se estanca. No entanto, elimínanse programas de apoio a alumnado con dificultades. Redúcese tamén o orzamento para profesorado e para as Universidades.

- Redúcese o gasto para Arquivos e Bibliotecas (29% menos), que, xunto co pago por préstamo de obras é un zarpazo á cultura.

- Non medra a atención á Dependencia, que se queda en 1.177 millóns de euros.
É algo que en Galiza é un drama: moita xente sen atención á Dependencia, o que supón un drama familiar: para a propia persoa dependente e para a coidadora principal, que frecuentemente é unha muller, que non pode desenvolver a súa vida dignamente, que pasan verdadeiros apuros para chegar a fin de mes.
A Dependencia debería ser unha absoluta prioridade para Galiza, pero con estes orzamentos non dá nin para migallas. Imos seguir cos dramas persoais, que van máis aló da penuria económica: é un drama social e persoal terríbel.

- Baixan un 26% as políticas de vivenda.

- 25,5 millóns de euros (82% máis) para amañar pistas rurais en 2015. Cemento para as municipais.

- Seguen conxeladas as pagas extras para as persoas empregadas públicas. O goberno só lles devolverá o 25% da extra suprimida en decembro de 2012.
A paga extra non é un privilexio, é un dereito e supoñía para moitas familias un alivio fundamental, despois de pasar todo o ano vivindo ao límite; coas extras poden afrontar gastos imprevistos necesarios para unha vida digna (estragos en vehículos que son necesarios porla falta de transpote público, atención bucodental ou oftalmolóxica que non cubre a Sanidade pública...). Non é un privilexio, é necesaria nesta sociedade.

- En canto a fomento do Emprego, o Goberno destina máis cartos para as axencias privadas que para os Servizos Públicos de Emprego. Sempre ao servizo das empresas privadas antes que da xente parada.

- A Igrexa recibirá 13.266.216,12 € ao mes. Ademais, prorrógase un ano máis o Inventario de Bens Inmobles da Igrexa que se ha de facer.
O goberno sempre atento ás necesidades da xerarquía eclesiástica, mentras a parta da Igrexa que actúa en comedores sociais e atención de persoas desamparadas o fai pola súa conta e coa axuda da sociedade.

- 1 de cada 10 euros van para o pago da débeda. O primeiro que cumpriría facer é unha auditoría da mesma, que superara 100% do PIB. Ese nivel de débeda é impagábel, hai que auditala.
Iso si, o goberno “fixo medrar” o PIB porque se incluíu no seu cómputo actividades ilegais que supoñen a escravitude e a enfermidade de seres humanos, como as redes de prostitución ou o narcotráfico. Lamentable. A débeda pública, aínda así, sitúase no 97,6% e prevese que supere o PIB nos dous vindeiros anos.

- Os orzamentos prevén recaudar máis, pero a reforma fiscal que aplicou irá no sentido contrario. Así, o goberno prevé aumentar esta recaudación por unha suposta recuperación no emprego para 2015.
Hai que prever que 2015 pode ser un ano de verdareira recesión económica a nivel mundial. Non prever esto suporá sufrimento para a poboación. Hai que blindar o benestar social fronte ás convulsións económicas que poidan vir.
Estes orzamentos fanse pensando que medrará o gasto familiar, incrementando a previsión de ingresos polo IVE (7,2% máis), pero esa é unha previsión ilusoria: como vai medrar o consumo das familias se cada vez teñen menos recursos (aumento do prezo de bens básicos, caída das prestacións, paro...)?

O que fai o goberno é seguir a liña marcada polos grandes poderes financeiros internacionais, representados pola UE. Isto é: a doutrina de que o que se recaude a maiores vaia para reducir o déficit e non para aumentar o gasto social. É unha política destinada a servir á banca, non á xente.

En definitiva, é unha maneira de entender o Estado ao servizo das grandes empresas e da gran banca e non ao servizo do benestar da poboación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario